No noso colexio elaboramos unhas medallas especiais para identificar e recoñecer ao alumnado encargado de Educación Infantil.
Os deseños foron creados dixitalmente no ordenador e, posteriormente, cortados e gravados coa cortadora láser no Espazo Creativo do centro.
Foi unha actividade moi enriquecedora na que gozamos aprendendo e experimentando coas posibilidades das ferramentas do espazo creativo, ao tempo que contribuímos a poñer en valor a responsabilidade e o compromiso do alumnado encargado.
Opasado xoves recibimos con moita alegría avisita de Anxo Moure,contacontos e escritor chantadino. Todo o alumnado do centro foi partícipe desta actividade. Coa súa bicicleta chegou á biblioteca do centro para contar as súas historias. Alí transformámonos en Carballas e Carballos con Botas, recibimos clase de voo e voamos nunha vasoira de xesta ata a lareira para cociñar contos e facer festa.
Unha mañá verde, pacifista, creativa, activa e participativa, chea de emoción e de música. Lembrándonos en todo momento a importancia de coidar o medio ambiente. Mensaxes coma esta fixéronnos sentir e pensar que é misión de todas e todos:
“Bota, terra, belota, auga, somos carballas e carballos, esperanza da Terra, futuro dos bosques. Carballas con Botas”
Moitas grazas, Anxo, polas túas ensinanzas e pola forma de transmitilas! Ata a próxima.
O pasado luns, 17 de novembro, o alumnado de 3º de Primaria participou nas súas aulas nunha charla sobre a iniciativa “Escola sen Violencia”.
Durante a sesión, os nenos e nenas realizaron diversas actividades didácticas e lúdicas orientadas a fomentar a convivencia positiva e o respecto entre compañeiros e compañeiras. A través de dinámicas participativas, reflexionaron sobre as súas actitudes e comportamentos no ámbito escolar, analizando as consecuencias, tanto positivas como negativas, que poden ter as súas accións nas relacións cos demais.
Esta actividade resultou moi interesante e enriquecedora, xa que lles permitiu tomar conciencia da importancia de actuar con empatía, respecto e responsabilidade para contribuír a crear un ambiente escolar seguro, agradable e libre de violencia.
O pasado martes, 4 de novembro, o alumnado de 3º de Primaria realizou unha saída ao Vello Cárcere e ao Museo Provincial de Lugo.
O principal obxectivo desta actividade foi achegar aos nenos e nenas aos museos da nosa contorna, xa que para moitos deles era a primeira vez que visitaban estes espazos. Ao longo da xornada participaron en diversas actividades didácticas e lúdicas que lles permitiron descubrir o patrimonio histórico e cultural da nosa cidade dunha forma amena e participativa.
A experiencia resultou moi enriquecedora. Gustoulles especialmente percorrer as rúas de Lugo e coñecer mellor a súa cidade, así como as visitas ao Vello Cárcere e ao Museo Provincial, onde aprenderon moitas curiosidades e gozaron das propostas preparadas para eles.
Este curso participamos por primeira vez na elaboración do Calendario Estiño 2026.
Trátase dunha iniciativa na que colaboran 23 centros educativos e que se achega xa aos 50 anos de traxectoria. Ademais do seu valor educativo e cultural, este calendario ten un carácter solidario, xa que o Colectivo Pedagóxico Estiño colabora coa ONG AXUNICA na recadación de fondos destinados a financiar proxectos educativos en Nicaragua.
Cada edición parte dun tema común; neste caso, o protagonista é o noso Entroido tradicional. Ao noso centro correspondeulle traballar sobre o Felo de Maceda. Tras investigar e coñecer mellor esta figura tan representativa, puxémonos mans á obra para realizar os debuxos da peza que nos foi asignada, seguindo as indicacións establecidas pola organización.
Foi unha experiencia moi enriquecedora, na que aprendemos, investigamos e desenvolvemos a nosa creatividade. Os traballos realizados quedaron xeniais, polo que será moi difícil escoller un único debuxo para formar parte do calendario final.
Con motivo da celebración do Día das Bibliotecas, desenvolvemos unha xornada de formación de usuarios e usuarias guiada polos nosos voluntarios e voluntarias. Durante a actividade, deron a coñecer os dous espazos bibliotecarios do centro, os seus fondos documentais, as normas de funcionamento e as condicións do servizo de préstamo. Ademais, animaron a todo o alumnado a participar nas actividades organizadas pola biblioteca e a descubrir o pracer da lectura levando libros en préstamo para as súas casas.
Era unha tarefa pendente desde había tempo e, por fin, fíxose realidade: a nosa biblioteca xa está subscrita a O Papagaio.
A partir deste curso contaremos cada mes con 10 exemplares desta publicación periódica, especialmente pensada para achegar diferentes contidos de interese para o público máis novo dun xeito atractivo, accesible e adaptado á súa idade.
Esta incorporación supón unha boa oportunidade para seguir fomentando a alfabetización informacional, axudando ao alumnado a achegarse ao mundo da información, comprender mellor esta tipoloxía textual e desenvolver unha mirada crítica ante as noticias.
Os exemplares estarán dispoñibles para o préstamo ás aulas e poderán empregarse tamén durante a Hora de Ler, ampliando así as posibilidades lectoras do alumnado con contidos variados e próximos aos seus intereses.
O pasado día 10 levamos a cabo unha actividade internivel na que participou o alumnado de 4º e 1º de Primaria.
Nesta ocasión, os nenos e nenas de 4º convertéronse en guías dos seus compañeiros e compañeiras máis pequenos. A través de recursos de realidade aumentada, exploraron diferentes aspectos do Universo, descubrindo planetas, estrelas e outros elementos do espazo.
A actividade permitiulles achegarse a contidos científicos dun xeito motivador e fomentar a colaboración entre alumnado de diferentes idades.
Foi unha experiencia moi enriquecedora para todos e todas, na que os maiores demostraron as súas habilidades como transmisores de coñecemento e os máis pequenos disfrutaron descubrindo os segredos do Universo dunha maneira diferente.
Xa están listas para saír cara ás vosas casas as nosas mochilas viaxeiras, unha proposta pensada para fomentar a lectura en familia.
Este curso incorporan unha novidade moi especial: xogos de mesa para todas as idades, que permitirán momentos lúdicos en familia, favorecendo a convivencia, a comunicación e o lecer compartido.
Cada mochila inclúe tamén un caderno viaxeiro no que alumnado e familias poderán recoller as súas impresións, recomendacións e propostas de mellora. Encantaríanos coñecer as vosas experiencias e descubrir como vivides esta aventura lectora e de xogo na casa.
Ademais, atoparedes unha carta informativa para as familias e un listado detallado de todos os materiais que contén a mochila: libros de non ficción, cómics, narrativa e teatro, adaptados ás diferentes idades do alumnado, desde Educación Infantil ata 6º de Primaria.
Cada alumno ou alumna poderá desfrutar da mochila durante unha semana.
Agardamos que esta iniciativa sexa do voso agrado e que disfrutedes moito das mochilas viaxeiras!
O pasado martes, 7 de outubro, recibimos no noso colexio a visita de varios efectivos do corpo de bombeiros de Lugo, que compartiron connosco unha xornada chea de aprendizaxes e emoción.
Durante a visita explicáronnos en que consiste o seu traballo e a importancia da labor que realizan cada día para garantir a seguridade das persoas. Amosáronnos o material e o equipamento que empregan nas súas intervencións e tivemos a oportunidade de observar de preto diferentes ferramentas, coñecer un equipo de respiración autónoma, probar os seus cascos e mesmo colaborar enrolando unha mangueira e colocándoa no camión.
Tamén nos ofreceron consellos sobre a prevención de incendios, tanto no ámbito forestal como nos fogares, e responderon con moita amabilidade ás preguntas do alumnado.
Sen dúbida, o momento preferido do noso alumnado foi poder subir ao camión de bombeiros.
Grazas a esta visita aprendemos que os bombeiros e bombeiras traballan para axudarnos e protexernos, afrontando moitas veces situacións complexas que requiren preparación e coraxe.
Moitas grazas pola vosa visita e por compartir connosco unha mañá tan entretida!
Durante este mes de outubro rematamos a planificación da Hora de Ler, unha iniciativa que ocupará un espazo destacado na vida diaria do noso centro.
Cada xornada, despois do tempo de lecer, dedicaremos 25 minutos á lectura, convertendo este momento nun hábito compartido por toda a comunidade educativa. Todas as aulas participarán nesta actividade, contando coa implicación de todo o profesorado do centro, incluído o profesorado especialista.
Aínda que existen unhas pautas comúns establecidas polo Equipo de Biblioteca, cada titoría terá autonomía para organizar este tempo de lectura en función das características e necesidades do seu alumnado. Así, poderán desenvolverse diferentes modalidades lectoras: lectura individual, compartida, guiada, lectura en voz alta ou escoita de textos, sempre baixo o criterio do profesorado responsable.
Co obxectivo de ofrecer experiencias lectoras variadas e motivadoras, o alumnado terá acceso a unha ampla diversidade de materiais: libros de ficción, libros de non ficción, xornais e recursos de lectura dixital.
Durante o mes de setembro, o alumnado de 3 anos achegouse ao conto Lléname de besos el bolsillo, unha historia que nos acompañou durante o período de adaptación no comezo do curso escolar.
Esta etapa supón un momento moi importante para os nenos e nenas, xa que, en moitos casos, é a súa primeira experiencia no ámbito escolar, afastados durante unhas horas do seu contorno familiar. Por iso, consideramos fundamental ofrecerlles recursos que lles axuden a sentirse seguros, comprendidos e acompañados.
A través da lectura deste conto traballamos a expresión das emocións, os vínculos afectivos e a creación de rutinas, elementos esenciais para favorecer unha adaptación positiva. A historia converteuse no fío condutor de diferentes actividades que contribuíron a crear un ambiente acolledor e de confianza, facilitando a integración do alumnado na vida da aula.
Un dos momentos máis especiais foi a colaboración das familias, que participaron activamente na elaboración dos "bicos para o peto", un xesto cheo de cariño que axudou aos nenos e nenas a sentir máis preto o afecto dos seus seres queridos durante a xornada escolar.
Grazas a este recurso literario, ao acompañamento constante do equipo docente e á implicación das familias, conseguimos que o proceso de adaptación fose máis gradual, respectuoso e positivo, atendendo ás necesidades e aos ritmos individuais de cada neno e nena.
Este ano as nosas mochilas viaxeiras veñen con novidades. Ademais dos libros e outros recursos habituais, incorporamos unha selección de xogos de mesa pensados para compartir en familia.
Xogos adaptados a diferentes idades e intereses, que ofrecen unha magnífica oportunidade para gozar de momentos de lecer en familia e aprender divertíndose.
Agora só queda abrir a mochila, sentarse xuntos e comezar a xogar!
O pasado venres, día 26, o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria asistiu no Auditorio Fuxan os Ventos á primeira edición de “Sen respecto non hai xogo”, unha gala organizada por Radio Lugo-Cadena SER en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo e Velgasa Eroski.
Esta iniciativa tivo como obxectivo promover valores fundamentais como a igualdade, o respecto e a tolerancia a través do deporte. Ao longo da mañá participamos en diferentes actividades lúdicas e educativas que nos permitiron reflexionar sobre a inclusión, a diversidade, a convivencia e o xogo limpo.
Foi unha experiencia moi enriquecedora na que aprendemos fóra das aulas e compartimos momentos con alumnado doutros centros, profesionais da psicoloxía, árbitros e árbitras, alumnado mediador, contacontos, representantes de institucións públicas e asociacións vinculadas á atención á diversidade.
Unha mañá de aprendizaxe, participación e convivencia que nos deixou valiosas reflexións sobre a importancia do respecto dentro e fóra do deporte.
Moitas grazas ás persoas e entidades organizadoras por facernos partícipes desta iniciativa!
O alumnado de 4º curso converteuse hoxe en protagonista dunha divertida experiencia de experimentación. A través dunha placa Makey Makey e unha peza de froita, descubriron como é posible transformar obxectos comúns en ferramentas interactivas.
Durante a sesión achegáronse ao funcionamento de Scratch e coñeceron as posibilidades que ofrece a placa Makey Makey. Despois puxeron en práctica o aprendido construíndo un sinxelo circuíto eléctrico.
Ademais, aprenderon un concepto fundamental: para que a corrente eléctrica circule é necesario que exista un circuíto pechado. Para comprobalo, participaron nunha divertida actividade grupal na que tiveron que collerse das mans e formar unha cadea humana. Só cando o circuíto estaba completo o plátano "falaba", demostrando de forma práctica como funciona a electricidade.
Unha xornada moi divertida e práctica da man da nosa compañeira Sonia!
Comezamos o curso estreando un novo espazo bibliotecario. Tras un intenso verán de expurgo, reorganización dos fondos, retirada de mobiliario e diversas melloras nas instalacións —entre elas a renovación do chan e a pintura—, a biblioteca preséntase cunha imaxe renovada e máis acolledora.
Como elemento central deste novo espazo destaca o mural realizado por Yoe33, de Concepto Circo, ao que lle propuxemos que plasmase a súa visión dunha biblioteca actual: un lugar vivo, creativo, inclusivo e aberto a múltiples formas de aprender e compartir.
A nova biblioteca nace coa vocación de ser un espazo tranquilo e seguro, un lugar de acubillo para aquel alumnado que precisa dun ambiente sereno durante os seus momentos de lecer. Pero será tamén un espazo para a aprendizaxe, onde realizar tarefas, acceder a internet, participar en obradoiros e desenvolver proxectos de todo tipo.
Agora só queda o máis importante: enchela de vida coa presenza do alumnado. Estamos desexando estreala xuntos e comezar unha nova etapa chea de lecturas, descubrimentos e experiencias compartidas.
Acendemos o lume da nosa lareira como símbolo de acollida e apertura do centro a toda a Comunidade Educativa. Un espazo de benvida e de encontro, preparado para a transmisión e a oralidade e no que contamos con todos vós. O lume ilumina e dá calor ás historias, conta e transmite a memoria, as nosas tradicións, a nosa artesanía... Tecendo redes, creando comunidade!
Omércores 28 de maio, oalumnado de 6º de E. Primariarealizou unha ruta literaria pola vila de Ribadeo na compaña deLois Pérez,autor da novela "A gruta da torre"de Ed. Xerais, ilustrada por Rosalía Díaz e galardoada co V premio Agustín Fernández Paz de Literatura Infantil e Xuvenil. Este libro foi lido e traballado previamente nas clases.
Fixemos o percorrido de ida pola N-640. A nosa mestra Laura, foinos explicando e dando información das diferentes comarcas, de relevo, dos límites e vilas do Principado de Asturias por onde pasamos ...Fixemos unha breve parada na Pontenova onde vimos os fornos. Laura falounos do pasado mineiro da vila e doutras curiosidades, como do río Eo que fomos levando á nosa dereita ata converterse na ría do Eo.
Un día solleiro agardaba por nós en Ribadeo. Na illa Pancha, na procura da liña do horizonte, estaba Lois. Con el fomos ata o faro, onde comezamos a ruta. O primeiro que nos contou foi como e cando naceu a novela. Unha historia da infancia para contarlla ao seu fillo Lois durante o confinamento. Díxonos que un faro é coma a extensión dos nosos ollos, e un libro é coma un faro, unha extensión da nosa memoria e da nosa imaxinación.
Desde alí dirixímonos ao Cargadoiro, ao peirao, a Cabanela, á Parede do Galo, ao Mirador da Atalaia, á rúa da Trindade, á Torre dos Moreno e ao parque. Debaixo do salgueiro que servía de agocho á cuadrilla de rapazas e rapaces, rematamos a ruta.
Contounos moitas cousas e falamos de todo! Da trama, das personaxes, do Ribadeo antigo, do mundo dos libros e das palabras, do respecto ás diferenzas,...Na praia do Cargadoiro coñecemos a Adela, outra personaxe do libro, alí estaba bañándose coma todos os días do ano. Na rúa da Trindade berramos por Greta! Atopamos a tía de Quique, a Marina e á súa irmá. Descubrimos que Quirina era Quirino na realidade, pero Lois quixo que fora unha nena na novela. Non faltou a Foca Cuquita nas nosas conversas. Explicounos que a personaxe de Estrela é unha homenaxe á poeta ribadense Luz Pozo Garza, falecida no 2020.
Despois subimos ao monte de Santa Cruz para xantar e xogar un pouco. Alí vimos ao noso compañeiro Robert. Que alegría! Foi un día fantástico.
Unha marabilla lerte e compartir esta aventura por Ribadeo, Lois! Moitas grazas e ata a próxima.
Os días 15 e 16 celebramos asLetras Galegasno colexio con dúasfoliadas, unha tradicional e outra moderna.
As foliadas, de gran carácter participativo e comunitario, permitíronnos achegar e transmitir ao alumnado a nosa cultura a través da música, do baile, do canto, da práctica e creación musical, abrindo e compartindo espazos para así facernos sentir e ser membros da comunidade e, por conseguinte, da sociedade na que estamos.
Nelas enaltecemos ás cantareiras homenaxeadas e á música de tradición oral, e tamén a todas as mulleres que mantiveron e manteñen vivo o lume da nosa tradición e da nosa lingua.
O día 15 recibimos no centro ao grupo folk Devandaina do CIFP Politécnico de Lugo composto por alumnado e profesorado do centro. Ofrecéronnos xotas, muiñeiras, pasodobre, valses, rumba,...e a Danza de Agranzón de Eva Castiñeira unha das cantareiras homenaxeadas. Con elas e eles tamén tocaron as nosas pandeireteiras. Bailamos en roda, en parella, cantamos...gozamos moito!
O día 16 tocounos a nós protagonizar e transmitir as nosas creacións musicais. Un magnífico programa, dirixido polas cantareiras de 6º, fixo da nosa foliada un gran encontro, dinámico e creativo. Presentamos, intepretamos, cantamos, bailamos,,,a bandas e artistas galegas referentes que se alimentan da tradición, gardando e transmitindo este legado. Tamén no noso repertorio figurou a Danza de Agranzón de Eva Castiñeira interpretada polas cantareiras, foi neste momento cando soou o aturuxo de Alba en sinal de inmensa alegría. Os actos remataron cantando o Himno Galego.
Continuemos preservando esta herdanza transmitíndoa ás nosas nenas e nenos!
Agradecemos moito a colaboración do grupo Devandaina, un encontro para repetir.
Os días6 e 7 de maio celebramos a tradicional festa dos Maios. As orixes desta celebración remóntanse posiblemente a épocas neolíticas, con ela trátase de dar entrada e eloxiar a primavera, a fertilidade e a vida vexetal.
O alumnado de E. Infantil creou un maio pequeno diante da nosa lareira coas plantas e flores traídas das casas (xestas, calas, rosas, fentos, fiúncho, pampillos, margaridas…). O día 7 e coa colaboración de Pilar e Emilio na parte musical, fixeron o maio grande no patio cantando e danzando arredor del as pezas musicais que lles traían preparadas. Tamén contaron coa participación das nenas e nenos de 5ºC que cantaron “Aí vén o maio”, adaptación do poema de Manuel Curros Enríquez, ademais de acompañalos e de cantar e bailar con elas e eles de xeito moi agarimoso. Foi marabilloso! Un día cheo de color, música e alegría.
O alumnado de 1ºciclo elaborou o mural dun maio decorado con flores e froitas e acompañado de coplas dos Maios creadas para a ocasión.
O alumnado de 4º B e 5ºC fixeron flores e bolboretas de papel e cartolina para decorar o mural central dedicado á Primavera Tradicional.
Moitas grazas a Castor Corral, xefe do departamento do ciclo de Carpintaría e Moble do CIFP Politécnico de Lugo por facernos a estrutura do maio grande; a Pilar e a Emilio que axudaron tamén coa estrutura ademais de levar toda a parte musical e moitas grazas ás familias por aportar plantas e flores que deron cor e recendo.
Hoxe reuniuse o club de lectura de historia que escolleron nesta ocasión o libro "Bajo la arena de Egipto" de Philippe Nesquens.
A través da figura do historiador Howard Carter, introducímonos na figura do faraón Tutankamon e descubrimos como pasou a ser un dos faraóns máis recoñecidos da Historia.
O alumnado compartiu as súas sensacións acerca do libro e de como se desenvolveu a trama. Pareceulles unha maneira moi amena de acercarse a diferentes feitos históricos de relevancia.
Hoxe reuniuse o club de lectura de narrativa que para escolleu como lectura La puerta de los tres cerrojos de Sonia Fernández Vidal.
Un libro que nos permite descubrir o mundo da física cuántica.
Despois de recibir unha misteriosa mensaxe, Niko percorre un novo camiño para ir ao instituto e descobre unha casa que nunca antes vira. A resolución dun enigma permítelle entrar no que resultará ser un extrano lugar onde nacen universos, hai un gato que aparece e desaparece e é posible teletransportarse.
O noso alumnado desfrutou desta lectura e desfrutaron moito da resolución dos diferentes enigmas que ían atopando.
Hoxe tivemos a reunión do club de lectura de novela gráfica e tivemos a oportunidade de partillar sobre o libro Lobos de Aleksandra Mizielinska, Daniel Mizielinski,
Cando pensas nun lobo, imáxinalo aullando á lúa, coméndose á Carapuchiña vermella ou correndo polo bosque en grandes mandas buscando a unha presa fácil. Pero non son así, son animales maravillosos e fascinantes.
Neste libro puidemos descubrir como é a estrutura dos grupos dos lobos e por que realizan migracións de longa distancia. Tamén aprendemos como se rastrea aos lobos, como se analizan os restos de comida, como empregan o fototrampeo e todo acompañado de historias reais.
Foi unha xornada moi emocionante, xa que este libro fascinou aos integrantes do club que se mostraron abraidos con cada dato que o libro incluía. Quedamos con ganas de máis así que probablemente, o vindeiro curso completemos a reunión cunha visita a algún dos centros de coidado e recuperación do lobo
O pasadoluns 5 de maio, oalumnado de quinto e sexto de primaria participou nunha nova edición do Programa Navega con Rumbo,unha iniciativa impulsada pola Xunta en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia cofin de guiar aos nenos e nenas no uso seguro de Internet, de forma útil e responsable.
A charla foi impartida por un experto na materia, que alén de explicar os fundamentos da navegación en Internet, abordou temas como a responsabilidade dun uso axeitado desta ferramenta, a importancia de ter en conta a idade autorizada ou recomendada para utilizar as redes sociais ou videoxogos,así como os riscos derivados dun mal uso destas tecnoloxías.
Hoxe participamos na primeira xuntanza do club de lectura de narrativa en galego coa lectura do libro Asasinato da profesora de xeografía de Pere Tobaruela.
Un misterioso asasinato, o preludio dunha investigación que levará a Matilde e o comisario a enfrontarse a un estraño caso no que se mesturan a realidade, os soños e as lendas e onde nada nin ninguen e o que parece.
Na xuntanza o alumnado deu a súa opinión sobre o libro, sobre o desenvolvemento da trama e sobre as lendas, a toponimia e a figura do diaño. Algúns dos alumnos mostraron interese por investigar o significado da toponimia. Non sería mala idea para un proxecto.
O20 de marzo chegou a primavera, o inicio de ciclo que agardamos cada ano. Todo reverdece e agroma.
No colexio comezámola coñecendo o Día dos enganos, unha tradición que ten lugar o día 1 de abril. Consiste en dar noticias falsas para enviar ás persoas onde non deben ir e outro tipo de brincadeiras.
Chegamos aos maios, a festa da primavera. Unha festa popular de orixes ancestrais que imos celebrar na primeira semana de maio. Ao mesmo tempo empezamos xa os preparativos para celebrar o Día das Letras Galegas de 2025, data especial na que se honra á poesía popular oral, que de maneira simbólica e representativa se personifica nun grupo de mulleres cantareiras e pandeireteiras.
Hoxe reuniuse o club de manga para falar do libro El Dulce hogar de Chi de Konami Kanata que conta como unha familia atopa a unha adorable gatiña e decide recollela. O libro recolle as súas aventuras e a súa convivencia familiar, chea de momentos moi divertidos como o seu primeiro encontro cun coche, o emprego do areeiro, a visita ao veterinario.
Para facelo máis motivador acompañamos a xuntanza de productos típicos de Xapón.
Foi unha xornada moi divertida onde o alumnado compartiu as súas opinións sobre este delicioso libro e serviu tamén para falar da responsabilidade que supón ter unha mascota.
Oalumnado de infantilparaconmemorar o Día do Libro(23 de abril)asistiu na biblioteca do centro a un espectáculo de maxia de David Méndez.Combinando ilusión, creatividade e comediae interactuando de forma moi positiva cos escolares onde a participación do público está presente en todo momento. Usando elementos cotiáns e tradicionais como un ovo, unha corda, unha mesa, uns aros,...
O martes, día23 de abril, o alumnado de 2º ciclo de Primaria foi a Codex Cinema ver "Valentina", un filme galego de animación de 2021dirixido por Chelo Loureiro.
Valentina soña con ser trapecista, pero cre que nunca poderá conseguilo por ter síndrome de Down. A súa avoa, que lle ensina a xogar ao xadrez e un montón de cancións, anímaa sempre a persistir, a non perder a ilusión nin as ganas de aprender.
Ao remate da sesión houbo un pequeno coloquio. Falouse de síndrome de Down, de valores, de lingua e cultura galegas, dos distintos escenarios galegos que aparecen, de música, de patrimonio…
Isabel e Eloi ensináronnos o estudo de gravación onde nos agardaban os técnicos de son. Para rematar atrevémonos a cantar e a gravar dúas cancións.
O pasadomartes 22 de abril,aavoa de Xoel González de 1⁰ curso, veu ao colexio a contarlles aos compañeiros e compañeiras como era a súa vida cando tiña a súa idade. Faloulles dosxogos na rúa, como axudaba na casa e os costumes da súa época. Explicoulles que no seu tempo non había computadoras nin teléfonos, pero que a familia e os amigos eran moi importantes. Os nenos e nenas de 1⁰ puideron aprender como vivían as persoas no pasado e todos quedamos encantados coas historias da súa avoa.
Hoxe celebramos a primeira reunión do club de lectura de teatro coa lectura de Wonbo Combo de Paula Carballeira que conta a historia de Sara unha nena que odia a súa vida, ou polo menos a súa vida real: non ten case amigas e moito menos amigos; búrlanse do seu aspecto; non é brillante nos estudos, nin sequera mediocre... Sara ten a sensación de que podería desaparecer e ninguén se decataría. Pero Sara ten outra vida, unha vida virtual onde xoga en liña con ducias de persoas e é imbatible nas loitas facendo ``Wombo Combo``. Sara pasa cada vez máis tempo diante da pantalla: deixa de falar, de comer, de durmir... Ata que entra nun videoxogo novo onde debe ir superando retos...
Foi unha sesión moi interesante, na que o alumnado foi intercambiando ideas sobre o que pensaban do libro e da vida de Sara. Falamos de videoxogos, de bulling, da soidade, das relacións e culminamos co reto de representar esta obra no colexio.
Esta semana o noso alumnado de sexto de Primaria acudiu á biblioteca municipal para realizar un breakout sobre a vida de Castelao, na conmemoración do 75 aniversario do seu pasamento.
Foi unha actividade moi dinámica na que o noso alumnado tivo que andar na procura de pistas sobre feitos da vida e obras de Castelao e para o que contou coa inestimable axuda do persoal da biblioteca.
Traballo en equipo, colaboración e creatividade para achegarnos á figura de Castelao.
Moitas grazas á Biblioteca Municipal de Lugo por convidarnos a esta marabillosa actividade!
O martes día 25 de marzo o alumnado de 1º ciclo gozou moito coa visita deBranca Villares,cantareira, pandeireteira e música de tradición oral.
Foi unha actividade de autocoñecemento sonoro. Co noso propio corpo fixemos moitas cousas, efectos sonoros, xogamos coa música, bailamos en parellas, en roda…e todo combinado con fermosas cantigas. Unha actividade vivencial e lúdica, experimental e divertida que nos permitiu traballar xuntas, tomar conciencia dos nosos corpos e do dos demais e tamén do espazo.
Foi unha xornada de convivencia. A través da temática dunha cantiga afondamos no sentimento de axuda mutua e con ela coñecemos un instrumento de vento indio, o shruti.
Branca tamén nos dixo que cantemos as cancións que ela nos transmitiu, que agora son nosas!
Moitas grazas, Branca!
Gustounos moito estar contigo, esperamos verte noutra.
Omércores, día 19, o alumnado de 2º ciclo de Primariagozou dunhasesión de contacontos a cargo de Celso Fernández Sanmartín,especialista na narrativa oral e na recolleita de contos e historias de vida de tradición oral; tema moi acaído no noso proxecto de centro. Esta actividade foi promovida e sufragada pola Secretaría Xeral da Lingua.
Celso deleitounos con historias de feiras, camiños, lareiras, trabalinguas, cancións… relatadas con toda a riqueza oral da nosa lingua e das que participamos activamente. Foi unha xornada moi divertida e enriquecedora.
O martes, día 11, tivemos a honra de contar con Marisol Bravos López, mestra retirada neste centro. Ela foi presentada con moita ilusión por tres nenas de 6º de Primaria, Ángela, Alejandra e Lara.
Marisol ofreceunos dúas charlas moi amenas e interesantes, unha dirixida ao alumnado de 3º ciclo e a outra a familias e profesorado. Na súa exposición fixo un percorrido por distintas etapas da súa vida poñendo de manifesto varios aspectos: o seu espírito de loita e superación ante todos os obstáculos atopados, a axuda aos demais, o valor da familia, o papel da escola/da Educación, a discriminación de xénero máis acentuada no caso de ser nena/muller con diversidade funcional, as desigualdades sociais, a eliminación de barreiras arquitectónicas…Falounos da diferenza entre igualdade e equidade, integración e inclusión, do termo persoa con diversidade funcional.
Toda unha lección de vida, para reflexionar como persoas, para mellorar nas relacións humanas e na convivencia social.
Queremos transmitirche o noso agradecemento, admiración e afecto, Marisol.
Chegou o Entroido! Con el imos despendindo o inverno para dar comezo a un novo ciclo do ano, a primavera.
No colexio non foi calquera cousa. Foi memoria, terra, tradición e comunidade. Houbo feira, unha feira moi concorrida. Preparámonos moito, investigamos, buscamos nas memorias vivas das nosas familias, en libros, fotografías, visitas ao centro de avoas e avós e de artesáns que nos explicaron de primeira man o oficio e os valores da artesanía.
A primeiras horas da mañá, cando mellor se feirea, as e os feirantes vestidos para a ocasión fixeron unha visita-paseo pola feira. Trataron, venderon, compraron, trocaron, negociaron, fiaron…co que aprendemos, fixemos feira.
Produtos do mar, o mellor peixe e marisco das nosas rías no posto de E. Infantil.
Gando, coidado e alimentado cos nosos agarimos no posto de 1º.
Para os nosos pés, auténticas zocas e para a nosa saúde pan elaborado con fariñas do país no posto de 2º.
A nosa música, os mellores instrumentos, únicos, creados a man. Literatura de cordel e o romance de Xan Bandullo Mantido no posto de 3º.
A natureza, as plantas medicinais. O ferro, ferreiros cultivados e rexos. As costureiras coas súas puntadas atinadas nas teas e no falar. Todo no posto de 4º.
Feirantes cos seus mellores produtos da terra ou elaborados co leite das nosas vacas, xunto coa Taberna do Pelayo para aliviar a sede e enganar a fame, botar un conto ou unha partida no posto de 5º.
Xastres e xastras co seu método revolucionario, ben facer e profesionalidade na Xastrería do Menéndez. Labregas e labregos con pitas, coellos, ovos…animais e outros produtos da terra cos que soster a alimentación nas casas no posto de 6º.
Contamos na feira coa presenza do alcalde pedáneo e a súa dona, o mestre e as mestras, médicas e médicos, boticarias, a Benemérita, curas e o director do Banco.Tamén uns indianos que volveron ricos de América, ademais doutras e doutros feirantes.
Ao mediodía deu comezo a festa de Entroido. Trouleamos, cantamos, bailamos…
Pregón a cargo do Excmo. Sr. Alcalde Pedáneo do Menéndez Pelayo
Cancións E. Infantil: desfile coa canción “Peixiños do mar” de Magín Blanco e interpretación de “Catro vellos mariñeiros” de Uxía Lambona e a Banda Molona
Cantar de cegas 3º: romance de Xan Bandullo Mantido
Coplas de Entroido en 4º sobre os oficios traballados
Cancións de Entroido de creación propia en 5º
Regueifas de diferentes temáticas en 6º
Foliada de Entroido grupo de nenas e nais do colexio
E ao berro de “Viva o Entroido!” rematamos a xornada con moita ledicia no corpo e infindo agradecemento a toda a comunidade e persoas que colaboraron con nós.