Festexamos os maios
Os días 6 e 7 de maio celebramos a tradicional festa dos Maios. As orixes desta celebración remóntanse posiblemente a épocas neolíticas, con ela trátase de dar entrada e eloxiar a primavera, a fertilidade e a vida vexetal.
O alumnado de E. Infantil creou un maio pequeno diante da nosa lareira coas plantas e flores traídas das casas (xestas, calas, rosas, fentos, fiúncho, pampillos, margaridas…). O día 7 e coa colaboración de Pilar e Emilio na parte musical, fixeron o maio grande no patio cantando e danzando arredor del as pezas musicais que lles traían preparadas. Tamén contaron coa participación das nenas e nenos de 5ºC que cantaron “Aí vén o maio”, adaptación do poema de Manuel Curros Enríquez, ademais de acompañalos e de cantar e bailar con elas e eles de xeito moi agarimoso. Foi marabilloso! Un día cheo de color, música e alegría.
O alumnado de 1ºciclo elaborou o mural dun maio decorado con flores e froitas e acompañado de coplas dos Maios creadas para a ocasión.
O alumnado de 4º B e 5ºC fixeron flores e bolboretas de papel e cartolina para decorar o mural central dedicado á Primavera Tradicional.
Moitas grazas a Castor Corral, xefe do departamento do ciclo de Carpintaría e Moble do CIFP Politécnico de Lugo por facernos a estrutura do maio grande; a Pilar e a Emilio que axudaron tamén coa estrutura ademais de levar toda a parte musical e moitas grazas ás familias por aportar plantas e flores que deron cor e recendo.
O colexio ulía a primavera!
Comentarios
Publicar un comentario