26.11.24

Chegan novos fondos á biblioteca


 

Bota a andar o club de lectura de adultos.

 Con moita ilusión comezamos o club de lecturas de adultos coa participación dun alto número de profesorado do centro.

A primeira lectura escollida e "Flores de Ferro" da autora María Rei Vilas e gañadora do Premio García Barros 2020.

Camila viviu durante décadas unha mentira sostida coa complicidade dos que a rodean. No seu regreso á vila de Briana, no verán de 1987, deberá reunir o valor para enfrontarse á verdade. Alí, Antón, o ferreiro artista, pechouse no seu mundo, a arrastrar a dor e a culpa dos que non souberon ver como o mal se estendía ata que foi demasiado tarde. A visita da súa neta, Helia, vivo retrato da avoa, daralle azos para contar o que durante tantos anos calou. María Rei Vilas debuta na novela cunha historia en que a intriga asolaga tanto o persoal coma o colectivo, cun destacado protagonismo das mulleres, uns personaxes inesquecibles e unha trama onde as vítimas silenciadas poden procurar, polo menos, unhas pingas de xustiza. Aurora, Olga, Nidia… son as flores de ferro desta historia. Pero hai máis. Houbo moitas máis.




22.11.24

Conmemoramos o 25 de novembro

 O 25N é o Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Dende a biblioteca escolar fixemos unha selección de libros sobre igualdade e prevención da violencia de xénero. 

Ademais, nos meses de xaneiro e febreiro terán lugar no centro unha serie de obradoiros do Programa Socioeducativo  en Igualdade do Concello de Lugo para o alumnado de 3º ciclo sobre a perspectiva de xénero.

 

 

 

15.11.24

A nosa biblio comeza a ter vida

 




Parece que a nosa biblioteca comeza a espertar, con moitos atrancos, aínda sen mobiliario suficiente, con fondos amoreados polo chan, apostamos por abrir este espazo e ir facendo.

E o noso alumnado comeza tamén a encher os espazos e a xogar e a ler, a compartir o tempo de lecer entre libros e xogos de mesa e a levar libros prestados e a querer colaborar e dar ideas e así ir medrando todos xuntos cada día.


13.11.24

Tempo de expurgo

 


Sempre hai excusa para facer expurgo na biblioteca, pero tendo en conta que temos unha biblioteca a estrear e que vimos de iniciarnos en KOHA 0, non atopamos momento mellor.

É unha tarefa complicada e que leva tempo pero tamén moi necesaria.

A nosa comunidade educativa, e máis ainda, o noso alumnado, necesita que os fondos da biblioteca sexan adecuados, diversos, inclusivos e que atendan as súas necesidades, tanto formativas como lúdicas.



8.11.24

Desfrutamos dun concerto didáctico de música tradicional coa Tradescola

 O venres, día 8, tivemos a regalía de gozar dun concerto-didáctico achegado pola Tradescola, escola de música tradicional galega na cidade de Lugo. Un proxecto educativo xestionado pola Asociación de Gaiteiras e Gaiteiros Galegos.

Mónica e os mestres: Bruno, Miguel Anxo, Alberte e Germán amosáronnos distintos instrumentos (gaita, requinta, tamboril, bombo, pandeireta, pandeira, pandeiro, culleres, tarrañolas, acordeón e zanfona), ritmos e melodías protagonistas da música tradicional e popular galega.

Este concerto é parte do agasallo que recibiu Álida de 4ºB, gañadora do XI Certame de Debuxo realizado pola Tradescola no mes de marzo. Dámoslle os PARABÉNS unha vez máis!

Foi unha xornada moi emocionante! Celebramos e gozamos moito desta actividade, participando dun xeito activo coas nosas aportacións e preguntas e deixándonos envolver  pola música, cantando e bailando.

Viva a música tradicional galega!

 

Todo un pracer. Moitas grazas, Tradescola!

PARABÉNS A ÁLIDA DE 4º B

(Gañadora do XI CERTAME DE DEBUXO)

5.11.24

Tradioutono: celebramos o Samaín, magosto e Defuntos



 Vai avanzando o outono e chega o tempo de Defuntos e Magostos, festas para celebrar en comunidade. 

Para saber máis sobre elas decidimos tallar, preparar e expoñer cabazas acompañadas de refráns, adiviñas…propias do outono, con colaboración familiar. Tamén se fixeron investigacións e traballos sobre estas celebracións. Non faltaron as lecturas e contadas de historias, lendas e contos de medo, de Compaña, de esqueletos…moitas delas de creación propia.

 

Chegou o día grande, o 30 de outubro. Unha xornada moi movida no colexio!

Celebramos o Magosto en colaboración coa ANPA e coa chegada da castañeira e dos castañeiros co seu tren para asar castañas.  Preparadas e preparados cos cornetes facilitados pola ANPA, comémolas en harmonía e comunidade que somos. Estaban moi sabedeiras!

Non faltou a música e ata nos atrevemos cunha pequena foliada. Tamén xogamos a tisnarnos coas mans. Mesmo apareceron algúns colares de zonchos (castañas cocidas coa casca e atravesadas cun fío e que servían como símbolo de protección e boa sorte).

A continuación tivemos xogos tradicionais no pavillón: xogatira, culler e castaña, o baile das castañas, a roda da castaña… Pasámolo moi ben!

No salón de actos o alumnado de 4ºB fixo un gran posta en escena e representación da obra de teatro “Medo me dá!” de Ramón D. Veiga de Edicións Embora, libro co que obtivo o Premio Anisia Miranda de teatro para a infancia que convoca a Fundación Xosé Neira Vilas. Personaxes da literatura infantil universal e os seus coros que se preparan para celebrar o Samaín. Situacións sorprendentes, humor e bo facer. Todo un deleite! 




1.11.24

Comeza o mes da ciencia en galego...

 Comeza o mes da ciencia en galego, e dende a biblio do Menéndez facemos unha selección de fondos relacionados coa ciencia en galego.

Consideramos que é importante dotar  a nosa biblioteca de fondos de non ficción de calidade e na nosa lingua para que o alumnado poida acceder ao coñecemento e as palabras propias de cada materia con fondos contrastados e fiables.


Tamén aproveitamos os recursos qye a Asesoría pon a nosa disposición para ofrecer durante este mes a profesorado e alumnado, da maleta viaxeira de ciencias. Estará a vosa disposición na sala de mestres.




RUTA LITERARIA CON LOIS PÉREZ

O mércores 27 de maio , o alumnado de 5º e 6º de E. Primaria realizou unha ruta literaria pola vila de Ribadeo con Lois Pérez, autor da ...