Tradioutono: celebramos o Samaín, magosto e Defuntos
Vai avanzando o outono e chega o tempo de Defuntos e Magostos, festas para celebrar en comunidade.
Para saber máis sobre elas decidimos tallar, preparar e expoñer cabazas acompañadas de refráns, adiviñas…propias do outono, con colaboración familiar. Tamén se fixeron investigacións e traballos sobre estas celebracións. Non faltaron as lecturas e contadas de historias, lendas e contos de medo, de Compaña, de esqueletos…moitas delas de creación propia.
Chegou o día grande, o 30 de outubro. Unha xornada moi movida no colexio!
Celebramos o Magosto en colaboración coa ANPA e coa chegada da castañeira e dos castañeiros co seu tren para asar castañas. Preparadas e preparados cos cornetes facilitados pola ANPA, comémolas en harmonía e comunidade que somos. Estaban moi sabedeiras!
Non faltou a música e ata nos atrevemos cunha pequena foliada. Tamén xogamos a tisnarnos coas mans. Mesmo apareceron algúns colares de zonchos (castañas cocidas coa casca e atravesadas cun fío e que servían como símbolo de protección e boa sorte).
A continuación tivemos xogos tradicionais no pavillón: xogatira, culler e castaña, o baile das castañas, a roda da castaña… Pasámolo moi ben!
No salón de actos o alumnado de 4ºB fixo un gran posta en escena e representación da obra de teatro “Medo me dá!” de Ramón D. Veiga de Edicións Embora, libro co que obtivo o Premio Anisia Miranda de teatro para a infancia que convoca a Fundación Xosé Neira Vilas. Personaxes da literatura infantil universal e os seus coros que se preparan para celebrar o Samaín. Situacións sorprendentes, humor e bo facer. Todo un deleite!


Comentarios
Publicar un comentario