31.5.26

RUTA LITERARIA CON LOIS PÉREZ

O mércores 27 de maio, o alumnado de 5º e 6º de E. Primaria realizou unha ruta literaria pola vila de Ribadeo con Lois Pérez, autor da novela "A gruta da torre" de Ed. Xerais, ilustrada por Rosalía Díaz e galardoada co V premio Agustín Fernández Paz de Literatura Infantil e Xuvenil. Este libro foi lido e traballado previamente nas clases.

Un día solleiro e abrasador agardaba por nós. Comezamos no miradoiro, dende alí fomos á illa Pancha. Lois contounos como e cando naceu a novela, unha historia da infancia para contarlla ao seu fillo Lois durante o confinamento. Despois dirixímonos ao Cargadoiro, ao peirao, a Cabanela, á Parede do Galo, ao Mirador da Atalaia, á rúa da Trindade, á Torre dos Moreno e ao parque. Rematamos a carón do salgueiro que servía de agocho á cuadrilla de rapazas e rapaces. 
Falamos, preguntamos, imaxinamos, aportamos ideas, rimos…No Cargadoiro coñecemos a Adela, unha das personaxes do  libro. Na rúa da Trindade soubemos onde viviron moitas das personaxes e vimos á Marina. Descubrimos que Quirina era Quirino na realidade. Non faltou a foca Cuquita nas nosas conversas. Na compaña de Lois e coas súas palabras mergullámonos na trama como se fosemos da cuadrilla, sentindo e vivindo as aventuras por Ribadeo.

Despois fomos á Devesa para xantar e xogar. Foi un día fantástico, de literatura, de convivencia e compañeirismo!
Moitas grazas á editorial Xerais por darnos a oportunidade de compartir unha xornada co autor. 

Para ti, Lois, inmensa gratitude por facernos viaxar no tempo e conseguir que nos sentísemos parte daquelas tardes de verán nas que atopar tesouros e fuxir de contrabandistas non eran simplemente as páxinas dun libro.





27.5.26

II MERCADIÑO SOLIDARIO (IES LEIRAS PULPEIRO)

O día 20 tivo lugar no IES Leiras Pulpeiro o II Mercadiño Solidario que se realiza co obxectivo de reunir cartos para poder crear no HULA un parque infantil para os nenos e nenas hospitalizados. As aulas de 4⁰ e 6⁰ de Primaria colaboraron creando diversos obxectos que se venderon no propio mercadiño. Todo o alumnado e titoras de 6⁰ foron de visita para ver o que fixeron e as aportacións doutros nenos e nenas e das propias familias.





25.5.26

PREVENTION OF FIRE IN THE COUNTRYSIDE .

Nas Seccións Bilingües, o alumnado de cuarto, utilizando como ferramenta a radio escolar e coa axuda do noso auxiliar de conversación irlandés, Andrew Callaghan, elaboramos un pódcast sobre a prevención de incendios nos nosos campos. Intentamos así, mellorar a competencia comunicativa en inglés e traballamos en equipo, todo isto dun xeito lúdico e práctico.

 



VISITA DA ESCRITORA ANA MEILÁN

O día 21 de maio o alumnado de Educación Infantil e o primeiro ciclo de Primaria recibiu a visita da escritora Ana Meilán, autora de diversas obras de literatura infantil. Contounos "O aire do lobo Rigoberto" e "Os Pérez". Os nenos e nenas desfrutaron dun anaco de diversión cos aventureiros protagonistas destes contos. Ademais, Ana agasallounos co seu último conto "Lois come vogais" e nós entregámoslle "O aire do lobo Rigoberto" adaptado con pictogramas, tamén dispoñible na biblioteca e firmado por ela.

Agradecémoslle a Ana o seu bo labor na difusión da lectura en galego.




19.5.26

LETRAS GALEGAS 2026. FOLIADA DAS LETRAS

 O martes día 19 celebramos, unha vez máis, a nosa Foliada das Letras co grupo folk Devandaina do CIFP Politécnico de Lugo, composto por profesorado deste centro. Con elas e eles tamén tocaron as nosas pandeireteiras: Antía, Lola, Candela e Raquel; e bailaron as nosas bailadoras. O acto estivo presentado por Patricia, Aldara, Carolina e Aroa de 6ºB.

As foliadas, de gran carácter participativo e comunitario, permítennos achegar e transmitir a nosa cultura a través da música, do baile, do canto, da práctica e creación musical. Cantamos e bailamos en roda, en parella…a Xota das Neves, Xota de Lourido, Valse do Miro, Xota de Taboada, Muiñeira Buxos Verdes, Pasodobre de Mallou, Xota do Canizo, Valse dos Vellos, Cuba. Rematamos cantando todas e todos xuntos o Himno Galego, preparado previamente en E. Musical e nas clases.

Gozamos e participamos moito desta Foliada das Letras!

 Achegámonos ao final cunhas palabras de Begoña Caamaño, autora homenaxeada o Día das Letras Galegas 2026: “Grazas por escollerdes a loita continua, calada e mesmo desprestixiada, da diversidade cultural. Grazas a todas e todos por levardes na fronte unha estrela e no bico un cantar, en galego”

 

Un agradecemento moi especial ao grupo folk Devandaina do CIFP Politécnico de Lugo pola súa proximidade e xenerosidade. Ata outra!






18.5.26

VISITA DE BENEDICTA SÁNCHEZ

O luns, día 18, recibimos a esperada visita de Benedicta Sánchez, acompañada de Chelo. Benedicta pasou pola nosa radio para ser entrevistada polas nenas e nenos de 4º de E. Primaria no programa chamado “Benedicta no Castiñeiro”, e despois foi o alumnado de 5º quen desfrutou dela nun interesante encontro na lareira.

Despois de ler nas aulas a súa biografía na revista CORGA, no artigo “Benedicta Sánchez: A humildade en persoa” escrito pola súa biógrafa Chelo Vázquez e de ver o filme “O que arde”, dirixido por Óliver Laxe, puidemos  compartir uns momentos moi gratos e especiais con ela e coñecela mellor. Descubrimos lembranzas, curiosidades, sorpresas, sorrisos, tenrura, moita querenza polo noso, moito degoiro por saber. Aventura, sensatez, nobreza, humildade, naturalidade…desprendes maxia Bene!







17.5.26

PROGRAMA HOY POR HOY DE CADENA SER (6º PRIMARIA)

 O alumnado de 6º de Primaria participou o 15 de maio, na gravación do programa “Hoy por Hoy” de Cadena Ser, convidados por Sara Meijide co motivo da 40  Feira do Libro que está a desenvolverse na Praza Maior da nosa cidade ata o 17 de maio. Aproveitando que o próximo domingo celebramos o Día das Letras Galegas, e guiados polo bo saber facer de Sara, os nenos e nenas gozaron dun programa radiofónico en directo no que leron fragmentos de escritores lucenses xa homenaxeados como Xela Arias, Manuel María e Leiras Pulpeiro; participaron nun Trivial literario onde fixeron de ávidos reporteiros, coñeceron o proceso de elaboración dun conto coa autora viveirense Elena Cienfuegos, aprenderon curiosidades científicas con Cintia Folgueira, participaron na entrevista á organizadora da Feira, coñeceron a Lois Pérez e Luis Valle e xogaron ao “Tutti Frutti” amosando os seus vastos coñecementos literarios.

15.5.26

VISITA AO IES LEIRAS PULPEIRO

 O venres, día 15, o alumnado de 5º de E.Primaria participou das actividades organizadas polo alumnado e profesorado do IES Leiras Pulpeiro na xornada central da súa I Semana Temática, titulada Alimentos con sabor a saber, proxecto interdisciplinario que une ciencia, cultura, creatividade, tecnoloxía e hábitos saudables arredor da alimentación.

Moitas grazas polo convite!


Constelación literaria interxeneracional

 Aproveitando a presenza da nosa mestra de prácticas, Meli, e o seu interese por realizar unha costelación literaria co alumnado de 5º de Primaria que xirase arredor das relacións interxeneracionais (avós - netos), realizamos este pequeno proxecto que tamén servía como publicidade dos fondos da nosa biblioteca. 

Os fondos a súa vez estaban clasificados segundo idade lectora e tipoloxía textual. Ademáis incluía un código QR que levaba a ficha de cada libro coa información máis relevante.


11.5.26

ACTIVIDADE AMI POR ESTACIÓNS CO XORNAL O PAPAGAIO

Durante estes días, desde a biblioteca propúxoselle ao alumnado do terceiro ciclo a realización dunha actividade por estacións, cuxo obxectivo era elaborar un pequeno produto final (esquema, debuxo, guión radiofónico, cartel, infografía, etc.) a partir da busca e selección de información no xornal O Papagaio relacionada co ámbito da tecnoloxía.

Cada estación tiña unha duración de 15 minutos, o que requiría por parte do alumnado unha boa organización do traballo, cooperación entre os membros do grupo, reparto de responsabilidades e toma de acordos para acadar os obxectivos propostos.






9.5.26

VISITA APICULTORA IRIA BARCIA (1º PRIMARIA)

O xoves 7, veunos visitar a 1A e B, Iria Barcia, apicultora, xunto co seu marido, creadores da marca Mel das fadas.  Explicounos moitas cousiñas interesantes sobre o mundo da abellas: as súas colmeas, os tipos de abellas, os beneficios do mel, as ubicacións dos seus apiarios, dende o Incio ata Ribadeo. Tivemos a oportunidade de ver as abellas e localizar a raíña, cun puntiño branco. Ademais elaboramos unha candea e obsequiounos cun tarriño de mel. Agradecemos a Iria o seu entusiasmo e o seu doce agasallo.


RE-TRANS-MISIÓN. ARTENATURA. OS MAIOS (INFANTIL E 1º PRIMARIA)

O día 8 de maio celebramos a tradicional festa dos Maios. Unha festa que celebra a chegada da primavera. Presente en moitos países europeos, en Galiza vaise mantendo e recuperando.  

O alumnado de E. Infantil e de 1º de E. Primaria crearon dous maios, un grande e outro pequeno coas plantas e flores traídas das casas (xestas, calas, rosas, fentos, fiúncho, pampillos, margaridas…) así como alfombras florais no porche de Infantil. Un curso máis contamos coa colaboración de Pilar e Emilio na parte musical, e con Raquel e Candela de 6ºC acompañando coas súas pandeiretas e cunha cantiga de creación propia. Tamén cantamos a canción  de “O canciño” de Uxía Lambona e a Banda Molona.

Tivemos un mercado de flores e fixemos un taller de pintura de flores. Foi marabilloso! Un día cheo de cor, música e alegría.

Moitas grazas a Pilar e a Emilio, a Candela e a Raquel e moitas grazas ás familias por aportar plantas e flores que perfumaron e encheron de cor o colexio. 




26.4.26

ENCONTRO CON ÁNGELES PORTO

 O Día do Libro, xoves 23 de abril, recibimos con moita ilusión a visita de Ángeles Porto Porto, mestra de ampla traxectoria profesional, que pasou os seus últimos anos laborais neste colexio, onde se xubilou.

Graduada en Humanidades, doutorou cunha tese defendida na facultade de Humanidades  sobre Eloy Maquieira, arquitecto galego que desenvolveu a súa obra principalmente en Lugo. Ángeles foi presentada maxistralmente por Irea e Mariña de 6º A.

Todo o alumnado de E. Primaria, distribuído por ciclos, asistiu ás súas interesantes charlas. Despois de facer unha breve referencia ao libro do que ela é coautora, foinos adentrando na figura de Eloy Maquieira Fernández, un arquitecto que cambiou a cidade de Lugo. Falounos da súa vida e das súas obras na cidade. Puidemos ver magníficas e sorprendentes fotos das obras que el fixo situadas no Parque de Rosalía de Castro, o sanatorio Pimentel, o IES Xoán Montes, a Praza de Abastos, o cemiterio  e moitos edificios que hai en diferentes rúas de Lugo…os seus debuxos e planos. Descubriunos que o antigo colexio Menéndez Pelayo foi obra del!

Explicounos as características dos seus estilos, aprendemos moitas palabras novas e descubrimos moita información daquela época que lle tocou vivir. Tamén nos pediu que observásemos a nosa cidade, que a coidásemos e a valorásemos. 

Didáctica, diferente e extraordinaria mañá, Ángeles! Aprendemos moitas cousas contigo. Volve cando queiras, es da casa! Moitas grazas.




22.4.26

ENCONTRO CON MANUEL BRAGADO

 O luns, día 20, recibimos a visita de Manuel Bragado, mestre, pedagogo, editor, escritor, dinamizador cultural, un referente para a cultura galega. Veu desde Vigo acompañado por Montserrat Paz, docente e tradutora galega. Manolo e Montse foron presentados por nenas e nenos de 6º de E.I. 

Trouxéronnos a “Dona Carme”, un conto acumulativo do que gozou todo o alumnado de E. Infantil. Este conto foi escrito por Manolo fai anos e recuperado nunha nova edición ilustrada por Iván R. en Triqueta Editora, dentro da colección "Canto conto conta".

Gozamos, interactuamos e participamos del e con el. Gustáronnos moito os animaliños de Dona Carme e aprendemos moitas cousas co conto e con Manolo. Nós tamén contamos cos nosos propios animaliños e cantamos. Seguiremos aprendendo e traballando o conto nas clases coas nosas mestras. A nosa biblio conta agora cun exemplar dedicado grazas a eles!

Moitas grazas Manolo e Montse pola vosa xenerosidade, ensinanzas e agarimo!





20.4.26

A MELLOR SOPA DO MUNDO (ALUMNADO DE 2º A NA RADIO)

O alumnado de 2ºA converteuse en protagonista dunha actividade moi especial a través da radio escolar. Nesta ocasión, puxéronlle voz ao conto “A mellor sopa do mundo”, traballando non só a comprensión lectora, senón tamén a entoación, a expresividade e o gusto por contar historias.

A continuación, compartimos o audio do conto para que poidades escoitar o fantástico traballo realizado polo alumnado.

 

15.4.26

Reunión club de lectura " El último oso"

 Hoxé reunímonos o club de lectura de narrativa para comentar as nosas impresións sobre o libro " El último oso", un libro marabilloso que nos acerca ao respecto á natureza. O alumnado participou de maneira entusiasta e saíron propostas moi interesantes como continuar coa lectura da saga e realizar un podcasts coas impresións do alumnado participante.



13.4.26

Reunión club de lectura "Lobos"

 Hoxe reuniuse o club de lectura de non ficción, para comentar o libro de Lobos. Foi un libro que nos encantou a todos, xa que a través do formato de novela gráfica, descubrimos un traballo de investigación impresionante sobre as formas de vida das mandas de lobos.




9.4.26

I TORNEO DE XADREZ

Éxito de participación no I Torneo de Xadrez do CEIP Menéndez Pelayo. O espazo creativo do noso centro converteuse durante os recreos do segundo trimestre no espazo para desenvolver o torneo de xadrez. Cun total de 40 participantes, o torneo logrou reunir a alumnado de todos os niveis, dende 1º ata 6º de Primaria.

Innovación e Tecnoloxía "Maker"

O máis salientable desta edición foi que os xogadores non só puxeron a proba o seu enxeño no taboleiro, senón que o propio material foi de fabricación propia:

Pezas personalizadas: Creadas con precisión mediante a impresora 3D.

Taboleiros artesanais: Gravados con detalle grazas á cortadora láser.

"A iniciativa tivo unha acollida excepcional, demostrando que a tecnoloxía e o xadrez son ferramentas perfectas para fomentar a concentración e a creatividade no alumnado."


8.4.26

Reunión club de lectura Wombo Combo

 Hoxe reuniuse o club de lectura de teatro para comentar o libro de Paula Carballeira Wombo Combo. Falamos da dificultade para ler teatro, da posibilidade de representar esta obra, da importancia de ler diferentes tipoloxías textuais, pero tamén do mundo gamer cos seus pros e contras e dos problemas do acoso escolar, relacionándoo con outros libros do noso club de lectura como o caso de Invisible





7.4.26

INICIACIÓN AOS XOGOS TRADICIONAIS INFANTÍS GALEGOS

O venres, día 27, tivemos a visita de Pablo Gómez, avó dunha nena do colexio e mestre de E.Musical.Todo o alumnado de E.Infantil gozou dunha sesión de xogos tradicionais, populares, transmitidos oralmente, con participación activa,acompañados instrumentalmente e cantados.

A-Xogos xestuais e rítmicos.

B-Xogos de Rolda:de pé e sentados.

C-Xogos de Bugallos .

Fomentouse a participación, colaboración, respecto polas normas e canto. Excelente colaboración do alumnado e do profesorado!

Desfrutamos e aprendemos moito contigo, Pablo. Moitas grazas e ata outra!






26.3.26

REUNIÓN CLUB DE LECTURA MANGA

 Hoxe tivemos dobre reunión do clube de lectura manga. 

Reuniuse o clube de lectura de Chi. Estivemos falando das diferenzas na lectura entre un cómic tradicional e un cómic manga; falamos da responsabilidade de ter unha mascota e das diferenzas culturais entre Xapón e nós. Tamén desfrutamos de produtos típicos xaponeses e recibimos como agasallo un gato da sorte.

Tamén se reuniu o club de lectura manga que escolleu Detective Conan. Falamos do divertido que sería ser un neno no corpo dun adulto e viceversa. Tamén estivemos recomendando os nosos mangas favoritos.

Foi unha xornada moi entretida!



23.3.26

ENCONTRO CON BEATRIZ DOURADO

Celebramos o Día da Poesía, 21 de marzo, con Beatriz Dourado, nai dunha nena do colexio, docente e escritora galega. Veu acompañada do seu poemario Latexos, Premio Arume de poesía para a Infancia convocado pola Fundación Neira Vilas xunto coa empresa Deleite e a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Galix); e tamén de varias sorpresas.

O alumnado de 6º de E.Infantil, 1º, 2º e 3º de E.Primaria experimentou, participou e gozou da poesía coa autora. Beatriz, vestida de poeta, falounos dos seus referentes: Gloria Fuertes, Rosalía de Castro, Federico García Lorca, Manuel María e Darío Xohán Cabana. Autoras e autores que identificou no seu vestir, no seu sentir, e que tamén recitou.
Mergullámonos en Latexos sen darnos conta! Preparamos e expuxemos os nosos traballos,  recitamos con ela, e tamén soas e sós, cantamos a súa poesía, descubrimos un corazón humano, sentimos os seus latexos, debuxamos no noso corazón de poeta o que máis nos gusta, creamos o noso poema acróstico…Todas e todos recibimos dela un diploma e un corazonciño, ademais deixounos un exemplar do seu libro para a biblioteca. Coa poesía e con Beatriz chegou a primavera!

Foi unha xornada poética e creativa con e desde o corazón. Unha experiencia fascinante!

 



22.3.26

OBRADOIRO DE TECIDO TRADICIONAL

 O alumnado de 4° tivo ocasión de recibir un obradoiro de tecido tradicional, impartido pola mamá dun alumno.

Moitas grazas, María!!!

4.3.26

ENCONTRO CON XABIER DÍAZ

 O mércores, día 4, tivemos o privilexio de contar no centro con Xabier Díaz, músico galego de ampla traxectoria artística e investigador da música tradicional galega. 

Foi unha xornada musical e didáctica de excepción para o alumnado de 2º e 3º ciclos de E. Primaria. Contounos como foron os seus inicios na música e como se decantou por ela.  Como desde moi novo visitou numerosas aldeas facendo recollidas de coplas, sobre todo a mulleres pandeireteiras, reivindicando o valor do papel das mulleres como conservadoras e transmisoras.Tróuxonos ferreñas, pandeiretas, pandeiras, un pandeiro cadrado, un adufe e cunchas para que viramos os materias dos que están feitos, as súas partes, o son, como se tocan… Falounos da orixe destes instrumentos e da súa fabricación, tamén da relación da música galega coa árabe. Nós escoitamos con moita atención, tocamos, cantamos, aturuxamos, bailamos e vibramos de emoción.

O acto estivo presentado con toda mestría por Candela e Raquel de 6ºC que ademais cantaron e tocaron unha copla e bailaron coas súas compañeiras de 6º outra interpretada por Xabier.

Tamén se brindou a asinar todas as pandeiretas que chegaron ás súas mans, ademais de autógrafos e de doar varios exemplares da súa discografía.

Foi unha mañá ben enriquecedora que deixou, con certeza, a súa semente en todas e todos. Agradecémoslle a súa xenerosidade e compromiso.









3.3.26

PODCAST "ROSALÍA, UNHA VOZ QUE PERDURA NO TEMPO (5º PRIMARIA A)

 O alumnado de 5º de Educación Primaria A coa axuda a nivel técnico do alumnado de 4º de Educación Primaria B realizou un Podcast dedicado ao Día de Rosalía de Castro titulado "Rosalía, unha voz que perdura no tempo"

Compartimos tamén o guión realizado e a escaleta final.




16.2.26

ENTROIDO 2026. MANDADOS DO MECO VERDE E A FRAGA DE CACHO PÚAS

Chegou a semana de celebración do Entroido. Para comezar e durante os días previos puxemos os mandados do Meco Verde, deste xeito divertido fomos facendo boca para a chegada do día grande.

O venres celebramos o Entroido. A fraga de Cacho Púas viviu por uns minutos no interior do centro: flora, fauna e mitoloxía combináronse e harmonizáronse con tradición, creatividade e coidado e coñecemento do medio ambiente.

Como ben dixeron as nosas presentadoras e presentadores de 6º: “O Entroido non é só disfrace e diversión: é unha celebración que nos conecta coas nosas raíces, coa lingua, coa música e coa maneira que tivo sempre o noso pobo de entender a vida e a natureza.”

Unha fraga chea de vida! Un Entroido na e coa natureza!

 

A FRAGA DE CACHO PÚAS

  • EI: Lobas e lobos ibéricos/ gatas e gatos monteses. Cancións: " Lobo feroz", "O gato metido nun saco" de A Roda.
  • 1⁰: Árbores da fraga. Poema "As árbores da fraga" de Xosé Lois Seixo Fernández. Música de Fol do Vento
  • 2⁰: Animais da fraga. "O lobo". “Os soños na gaiola” de Manuel María. Música Suso Vaamonde
  • 3⁰: Meigas e meigos. Conxuro acompañado da peza "A marcha das meigas" de Mago de Oz
  • 4⁰: Superfentos. "A árbore de Manolo" de María Fumaça
  • 5⁰: Biodiversidade. O Verdegaio (Cantiga popular). Regueifas na fraga
  • 6⁰: Trasgos e ninfas/fadas do bosque. Cancións: "Os trasgos" e "O Entroido xa chegou" (IA)

 

Damos as grazas ás familias pola inestimable colaboración.




RUTA LITERARIA CON LOIS PÉREZ

O mércores 27 de maio , o alumnado de 5º e 6º de E. Primaria realizou unha ruta literaria pola vila de Ribadeo con Lois Pérez, autor da ...