Celebramos o Día da Poesía, 21 de marzo, con Beatriz Dourado, nai dunha nena do colexio, docente e escritora galega. Veu acompañada do seu poemario Latexos, Premio Arume de poesía para a Infancia convocado pola Fundación Neira Vilas xunto coa empresa Deleite e a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Galix); e tamén de varias sorpresas.
O alumnado de 6º de E.Infantil, 1º, 2º e 3º de E.Primaria experimentou, participou e gozou da poesía coa autora. Beatriz, vestida de poeta, falounos dos seus referentes: Gloria Fuertes, Rosalía de Castro, Federico García Lorca, Manuel María e Darío Xohán Cabana. Autoras e autores que identificou no seu vestir, no seu sentir, e que tamén recitou.
Mergullámonos en Latexos sen darnos conta! Preparamos e expuxemos os nosos traballos, recitamos con ela, e tamén soas e sós, cantamos a súa poesía, descubrimos un corazón humano, sentimos os seus latexos, debuxamos no noso corazón de poeta o que máis nos gusta, creamos o noso poema acróstico…Todas e todos recibimos dela un diploma e un corazonciño, ademais deixounos un exemplar do seu libro para a biblioteca. Coa poesía e con Beatriz chegou a primavera!
Foi unha xornada poética e creativa con e desde o corazón. Unha experiencia fascinante!

Ningún comentario:
Publicar un comentario