29.5.25

Roteiro literario con Lois Pérez

O mércores 28 de maio, o alumnado de 6º de E. Primaria realizou unha ruta literaria pola vila de Ribadeo na compaña de Lois Pérez, autor da novela "A gruta da torre" de Ed. Xerais, ilustrada por Rosalía Díaz e galardoada co V premio Agustín Fernández Paz de Literatura Infantil e Xuvenil. Este libro foi lido e traballado previamente nas clases.

Fixemos o percorrido de ida pola N-640. A nosa mestra Laura, foinos explicando e dando información das diferentes comarcas, de relevo, dos límites e vilas do Principado de Asturias por onde pasamos ...Fixemos unha breve parada na Pontenova onde vimos os fornos. Laura falounos do pasado mineiro da vila e doutras curiosidades, como do río Eo que fomos levando á nosa dereita ata converterse na ría do Eo.

Un día solleiro agardaba por nós en Ribadeo. Na illa Pancha, na procura da liña do horizonte, estaba Lois. Con el fomos ata o faro, onde comezamos a ruta. O primeiro que nos contou foi como e cando naceu a novela. Unha historia da infancia para contarlla ao seu fillo Lois durante o confinamento. Díxonos que un faro é coma a extensión dos nosos ollos, e un libro é coma un faro, unha extensión da nosa memoria e da nosa imaxinación.

Desde alí dirixímonos ao Cargadoiro, ao peirao, a Cabanela, á Parede do Galo, ao Mirador da Atalaia, á rúa da Trindade, á Torre dos Moreno e ao parque. Debaixo do salgueiro que servía de agocho á cuadrilla de rapazas e rapaces, rematamos a ruta.

Contounos moitas cousas e falamos de todo! Da trama, das personaxes, do Ribadeo antigo, do mundo dos libros e das palabras, do respecto ás diferenzas,...Na praia do Cargadoiro coñecemos a Adela, outra personaxe do  libro, alí estaba bañándose coma todos os días do ano. Na rúa da Trindade berramos por Greta! Atopamos a tía de Quique, a Marina e á súa irmá. Descubrimos que Quirina era Quirino na realidade, pero Lois quixo que fora unha nena na novela. Non faltou a Foca Cuquita nas nosas conversas. Explicounos que a personaxe de Estrela é unha homenaxe á poeta ribadense Luz Pozo Garza, falecida no 2020.

Despois subimos ao monte de Santa Cruz para xantar e xogar un pouco. Alí vimos ao noso compañeiro Robert. Que alegría! Foi un día fantástico.

Unha marabilla lerte e compartir esta aventura por Ribadeo, Lois! Moitas grazas e ata a próxima.

 

 Libro Ribadeo Antigo

 

 

Letras Galegas 2025

 Os días 15 e 16 celebramos as Letras Galegas no colexio con dúas foliadas, unha tradicional e outra moderna.

As foliadas, de gran carácter participativo e comunitario, permitíronnos achegar e transmitir ao alumnado a nosa cultura a través da música, do baile, do canto, da práctica e creación musical, abrindo e compartindo espazos para así facernos sentir e ser membros da comunidade e, por conseguinte, da sociedade na que estamos.

Nelas enaltecemos ás cantareiras homenaxeadas e á música de tradición oral, e tamén a todas as mulleres que mantiveron e manteñen vivo o lume da nosa tradición e da nosa lingua.

día 15 recibimos no centro ao grupo folk Devandaina do CIFP Politécnico de Lugo composto por alumnado e profesorado do centro. Ofrecéronnos xotas, muiñeiras, pasodobre, valses, rumba,...e a Danza de Agranzón de Eva Castiñeira unha das cantareiras homenaxeadas. Con elas e eles tamén tocaron as nosas pandeireteiras. Bailamos en roda, en parella, cantamos...gozamos moito!

día 16 tocounos a nós protagonizar e transmitir as nosas creacións musicais. Un magnífico programa, dirixido polas cantareiras de 6º, fixo da nosa foliada un gran encontro, dinámico e creativo. Presentamos, intepretamos, cantamos, bailamos,,,a bandas e artistas galegas referentes que se alimentan da tradición, gardando e transmitindo este legado. Tamén no noso repertorio figurou a Danza de Agranzón de Eva Castiñeira interpretada polas cantareiras, foi neste momento cando soou o aturuxo de Alba en sinal de inmensa alegría. Os actos remataron cantando o Himno Galego.

Continuemos preservando esta herdanza transmitíndoa ás nosas nenas e nenos!

Agradecemos moito a colaboración do grupo Devandaina, un encontro para repetir.

12.5.25

Xa temos o programa para as Letras Galegas

 

Festexamos os maios

Os días 6 e 7 de maio celebramos a tradicional festa dos Maios. As orixes desta celebración remóntanse posiblemente a épocas neolíticas, con ela trátase de dar entrada e eloxiar a primavera, a fertilidade e a vida vexetal.

alumnado de E. Infantil creou un maio pequeno diante da nosa lareira coas plantas e flores traídas das casas (xestas, calas, rosas, fentos, fiúncho, pampillos, margaridas…). O día 7 e coa colaboración de Pilar e Emilio na parte musical, fixeron o maio grande no patio cantando e danzando arredor del as pezas musicais que lles traían preparadas. Tamén contaron coa participación das nenas e nenos de 5ºC que cantaron “Aí vén o maio”, adaptación do poema de Manuel Curros Enríquez, ademais de acompañalos e de cantar e bailar con elas e eles de xeito moi agarimoso. Foi marabilloso! Un día cheo de color, música e alegría.

O alumnado de 1ºciclo elaborou o mural dun maio decorado con flores e froitas e acompañado de coplas dos Maios creadas para a ocasión.

O alumnado de 4º B e 5ºC fixeron flores e bolboretas de papel e cartolina para decorar o mural central dedicado á Primavera Tradicional.

Moitas grazas a Castor Corral, xefe do departamento do ciclo de Carpintaría e Moble do CIFP Politécnico de Lugo por facernos a estrutura do maio grande; a Pilar e a Emilio que axudaron tamén coa estrutura ademais de levar toda a parte musical e moitas grazas ás familias por aportar plantas e flores que deron cor e recendo.

O colexio ulía a primavera!

PREME AQUI

9.5.25

Reunión do club de lectura de historia

 Hoxe reuniuse o club de lectura de historia que escolleron nesta ocasión o libro "Bajo la arena de Egipto" de Philippe Nesquens.

A través da figura do historiador Howard Carter, introducímonos na figura do faraón Tutankamon e descubrimos como pasou a ser un dos faraóns máis recoñecidos da Historia.

O alumnado compartiu as súas sensacións acerca do libro e de como se desenvolveu a trama. Pareceulles unha maneira moi amena de acercarse a diferentes feitos históricos de relevancia.


8.5.25

Reunión do club de lectura de narrativa

 Hoxe reuniuse o club de lectura de narrativa que para escolleu como lectura La puerta de los tres cerrojos de Sonia Fernández Vidal.

Un libro que nos permite descubrir o mundo da física cuántica.

Despois de recibir unha misteriosa mensaxe, Niko percorre un novo camiño para ir ao instituto e descobre unha casa que nunca antes vira. A resolución dun enigma permítelle entrar no que resultará ser un extrano lugar onde nacen universos, hai un gato que aparece e desaparece e é posible teletransportarse.

O noso alumnado desfrutou desta lectura e desfrutaron moito da resolución dos diferentes enigmas que ían atopando.



7.5.25

Primeira reunión do club de lectura de novela gráfica

 


Hoxe tivemos a reunión do club de lectura de novela gráfica e tivemos a oportunidade de partillar sobre o libro Lobos de Aleksandra MizielinskaDaniel Mizielinski

Cando pensas nun lobo, imáxinalo aullando á lúa, coméndose á Carapuchiña vermella ou correndo polo bosque en grandes mandas buscando a unha presa fácil. Pero non son así, son animales maravillosos e fascinantes.

Neste libro puidemos descubrir como é a estrutura dos grupos dos lobos e por que realizan migracións de longa distancia. Tamén aprendemos como se rastrea aos lobos, como se analizan os restos de comida, como empregan o fototrampeo e todo acompañado de historias reais.

Foi unha xornada moi emocionante, xa que este libro fascinou aos integrantes do club que se mostraron abraidos con cada dato que o libro incluía. Quedamos con ganas de máis así que probablemente, o vindeiro curso completemos a reunión cunha visita a algún dos centros de coidado e recuperación do lobo




6.5.25

Participamos no proxecto Navega con Rumbo

 O pasado luns 5 de maio, o alumnado de quinto e sexto de primaria participou nunha nova edición do Programa Navega con Rumbo,unha iniciativa impulsada pola Xunta en colaboración  co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia co fin de guiar aos nenos e nenas no uso seguro de Internet, de forma útil  e responsable.

A charla foi impartida por un experto na materia, que alén de explicar os fundamentos da navegación en Internet, abordou temas como a responsabilidade dun uso axeitado desta ferramenta, a importancia de ter en conta a idade autorizada ou recomendada para utilizar as redes sociais ou videoxogos,así como os riscos derivados dun mal uso destas tecnoloxías.

RUTA LITERARIA CON LOIS PÉREZ

O mércores 27 de maio , o alumnado de 5º e 6º de E. Primaria realizou unha ruta literaria pola vila de Ribadeo con Lois Pérez, autor da ...