Roteiro literario con Lois Pérez
O mércores 28 de maio, o alumnado de 6º de E. Primaria realizou unha ruta literaria pola vila de Ribadeo na compaña de Lois Pérez, autor da novela "A gruta da torre" de Ed. Xerais, ilustrada por Rosalía Díaz e galardoada co V premio Agustín Fernández Paz de Literatura Infantil e Xuvenil. Este libro foi lido e traballado previamente nas clases.
Fixemos o percorrido de ida pola N-640. A nosa mestra Laura, foinos explicando e dando información das diferentes comarcas, de relevo, dos límites e vilas do Principado de Asturias por onde pasamos ...Fixemos unha breve parada na Pontenova onde vimos os fornos. Laura falounos do pasado mineiro da vila e doutras curiosidades, como do río Eo que fomos levando á nosa dereita ata converterse na ría do Eo.
Un día solleiro agardaba por nós en Ribadeo. Na illa Pancha, na procura da liña do horizonte, estaba Lois. Con el fomos ata o faro, onde comezamos a ruta. O primeiro que nos contou foi como e cando naceu a novela. Unha historia da infancia para contarlla ao seu fillo Lois durante o confinamento. Díxonos que un faro é coma a extensión dos nosos ollos, e un libro é coma un faro, unha extensión da nosa memoria e da nosa imaxinación.
Desde alí dirixímonos ao Cargadoiro, ao peirao, a Cabanela, á Parede do Galo, ao Mirador da Atalaia, á rúa da Trindade, á Torre dos Moreno e ao parque. Debaixo do salgueiro que servía de agocho á cuadrilla de rapazas e rapaces, rematamos a ruta.
Contounos moitas cousas e falamos de todo! Da trama, das personaxes, do Ribadeo antigo, do mundo dos libros e das palabras, do respecto ás diferenzas,...Na praia do Cargadoiro coñecemos a Adela, outra personaxe do libro, alí estaba bañándose coma todos os días do ano. Na rúa da Trindade berramos por Greta! Atopamos a tía de Quique, a Marina e á súa irmá. Descubrimos que Quirina era Quirino na realidade, pero Lois quixo que fora unha nena na novela. Non faltou a Foca Cuquita nas nosas conversas. Explicounos que a personaxe de Estrela é unha homenaxe á poeta ribadense Luz Pozo Garza, falecida no 2020.
Despois subimos ao monte de Santa Cruz para xantar e xogar un pouco. Alí vimos ao noso compañeiro Robert. Que alegría! Foi un día fantástico.
Unha marabilla lerte e compartir esta aventura por Ribadeo, Lois! Moitas grazas e ata a próxima.


Libro Ribadeo Antigo

Comentarios
Publicar un comentario