Este curso participamos por primeira vez na elaboración do Calendario Estiño 2026.
Trátase dunha iniciativa na que colaboran 23 centros educativos e que se achega xa aos 50 anos de traxectoria. Ademais do seu valor educativo e cultural, este calendario ten un carácter solidario, xa que o Colectivo Pedagóxico Estiño colabora coa ONG AXUNICA na recadación de fondos destinados a financiar proxectos educativos en Nicaragua.
Cada edición parte dun tema común; neste caso, o protagonista é o noso Entroido tradicional. Ao noso centro correspondeulle traballar sobre o Felo de Maceda. Tras investigar e coñecer mellor esta figura tan representativa, puxémonos mans á obra para realizar os debuxos da peza que nos foi asignada, seguindo as indicacións establecidas pola organización.
Foi unha experiencia moi enriquecedora, na que aprendemos, investigamos e desenvolvemos a nosa creatividade. Os traballos realizados quedaron xeniais, polo que será moi difícil escoller un único debuxo para formar parte do calendario final.