Con motivo da celebración do Día das Bibliotecas, desenvolvemos unha xornada de formación de usuarios e usuarias guiada polos nosos voluntarios e voluntarias. Durante a actividade, deron a coñecer os dous espazos bibliotecarios do centro, os seus fondos documentais, as normas de funcionamento e as condicións do servizo de préstamo. Ademais, animaron a todo o alumnado a participar nas actividades organizadas pola biblioteca e a descubrir o pracer da lectura levando libros en préstamo para as súas casas.
24.10.25
16.10.25
Xa temos o Papagaio na nosa biblioteca!
Era unha tarefa pendente desde había tempo e, por fin, fíxose realidade: a nosa biblioteca xa está subscrita a O Papagaio.
A partir deste curso contaremos cada mes con 10 exemplares desta publicación periódica, especialmente pensada para achegar diferentes contidos de interese para o público máis novo dun xeito atractivo, accesible e adaptado á súa idade.
Esta incorporación supón unha boa oportunidade para seguir fomentando a alfabetización informacional, axudando ao alumnado a achegarse ao mundo da información, comprender mellor esta tipoloxía textual e desenvolver unha mirada crítica ante as noticias.
Os exemplares estarán dispoñibles para o préstamo ás aulas e poderán empregarse tamén durante a Hora de Ler, ampliando así as posibilidades lectoras do alumnado con contidos variados e próximos aos seus intereses.
13.10.25
Aprendemos sobre o Universo con realidade aumentada
O pasado día 10 levamos a cabo unha actividade internivel na que participou o alumnado de 4º e 1º de Primaria.
Nesta ocasión, os nenos e nenas de 4º convertéronse en guías dos seus compañeiros e compañeiras máis pequenos. A través de recursos de realidade aumentada, exploraron diferentes aspectos do Universo, descubrindo planetas, estrelas e outros elementos do espazo.
A actividade permitiulles achegarse a contidos científicos dun xeito motivador e fomentar a colaboración entre alumnado de diferentes idades.
Foi unha experiencia moi enriquecedora para todos e todas, na que os maiores demostraron as súas habilidades como transmisores de coñecemento e os máis pequenos disfrutaron descubrindo os segredos do Universo dunha maneira diferente.
Poñemos en marcha as mochilas viaxeiras!
Xa están listas para saír cara ás vosas casas as nosas mochilas viaxeiras, unha proposta pensada para fomentar a lectura en familia.
Este curso incorporan unha novidade moi especial: xogos de mesa para todas as idades, que permitirán momentos lúdicos en familia, favorecendo a convivencia, a comunicación e o lecer compartido.
Cada mochila inclúe tamén un caderno viaxeiro no que alumnado e familias poderán recoller as súas impresións, recomendacións e propostas de mellora. Encantaríanos coñecer as vosas experiencias e descubrir como vivides esta aventura lectora e de xogo na casa.
Ademais, atoparedes unha carta informativa para as familias e un listado detallado de todos os materiais que contén a mochila: libros de non ficción, cómics, narrativa e teatro, adaptados ás diferentes idades do alumnado, desde Educación Infantil ata 6º de Primaria.
Cada alumno ou alumna poderá desfrutar da mochila durante unha semana.
Agardamos que esta iniciativa sexa do voso agrado e que disfrutedes moito das mochilas viaxeiras!
10.10.25
Visita dos bombeiros ao 1º Ciclo de Primaria
O pasado martes, 7 de outubro, recibimos no noso colexio a visita de varios efectivos do corpo de bombeiros de Lugo, que compartiron connosco unha xornada chea de aprendizaxes e emoción.
Durante a visita explicáronnos en que consiste o seu traballo e a importancia da labor que realizan cada día para garantir a seguridade das persoas. Amosáronnos o material e o equipamento que empregan nas súas intervencións e tivemos a oportunidade de observar de preto diferentes ferramentas, coñecer un equipo de respiración autónoma, probar os seus cascos e mesmo colaborar enrolando unha mangueira e colocándoa no camión.
Tamén nos ofreceron consellos sobre a prevención de incendios, tanto no ámbito forestal como nos fogares, e responderon con moita amabilidade ás preguntas do alumnado.
Sen dúbida, o momento preferido do noso alumnado foi poder subir ao camión de bombeiros.
Grazas a esta visita aprendemos que os bombeiros e bombeiras traballan para axudarnos e protexernos, afrontando moitas veces situacións complexas que requiren preparación e coraxe.
Moitas grazas pola vosa visita e por compartir connosco unha mañá tan entretida!

Poñemos en marcha a Hora de ler
Durante este mes de outubro rematamos a planificación da Hora de Ler, unha iniciativa que ocupará un espazo destacado na vida diaria do noso centro.
Cada xornada, despois do tempo de lecer, dedicaremos 25 minutos á lectura, convertendo este momento nun hábito compartido por toda a comunidade educativa. Todas as aulas participarán nesta actividade, contando coa implicación de todo o profesorado do centro, incluído o profesorado especialista.
Aínda que existen unhas pautas comúns establecidas polo Equipo de Biblioteca, cada titoría terá autonomía para organizar este tempo de lectura en función das características e necesidades do seu alumnado. Así, poderán desenvolverse diferentes modalidades lectoras: lectura individual, compartida, guiada, lectura en voz alta ou escoita de textos, sempre baixo o criterio do profesorado responsable.
Co obxectivo de ofrecer experiencias lectoras variadas e motivadoras, o alumnado terá acceso a unha ampla diversidade de materiais: libros de ficción, libros de non ficción, xornais e recursos de lectura dixital.
Seguimos avanzando!
6.10.25
Período de adaptación e lectura
Durante o mes de setembro, o alumnado de 3 anos achegouse ao conto Lléname de besos el bolsillo, unha historia que nos acompañou durante o período de adaptación no comezo do curso escolar.
Esta etapa supón un momento moi importante para os nenos e nenas, xa que, en moitos casos, é a súa primeira experiencia no ámbito escolar, afastados durante unhas horas do seu contorno familiar. Por iso, consideramos fundamental ofrecerlles recursos que lles axuden a sentirse seguros, comprendidos e acompañados.
A través da lectura deste conto traballamos a expresión das emocións, os vínculos afectivos e a creación de rutinas, elementos esenciais para favorecer unha adaptación positiva. A historia converteuse no fío condutor de diferentes actividades que contribuíron a crear un ambiente acolledor e de confianza, facilitando a integración do alumnado na vida da aula.
Un dos momentos máis especiais foi a colaboración das familias, que participaron activamente na elaboración dos "bicos para o peto", un xesto cheo de cariño que axudou aos nenos e nenas a sentir máis preto o afecto dos seus seres queridos durante a xornada escolar.
Grazas a este recurso literario, ao acompañamento constante do equipo docente e á implicación das familias, conseguimos que o proceso de adaptación fose máis gradual, respectuoso e positivo, atendendo ás necesidades e aos ritmos individuais de cada neno e nena.
RUTA LITERARIA CON LOIS PÉREZ
O mércores 27 de maio , o alumnado de 5º e 6º de E. Primaria realizou unha ruta literaria pola vila de Ribadeo con Lois Pérez, autor da ...
-
Canción "Non pare a festa" de Os Amigos dos Músicos, composta para o libro "Non pare a festa (É tempo de Entroido 2)",...