O Día do Libro, xoves 23 de abril, recibimos con moita ilusión a visita de Ángeles Porto Porto, mestra de ampla traxectoria profesional, que pasou os seus últimos anos laborais neste colexio, onde se xubilou.
Graduada en Humanidades, doutorou cunha tese defendida na facultade de Humanidades sobre Eloy Maquieira, arquitecto galego que desenvolveu a súa obra principalmente en Lugo. Ángeles foi presentada maxistralmente por Irea e Mariña de 6º A.
Todo o alumnado de E. Primaria, distribuído por ciclos, asistiu ás súas interesantes charlas. Despois de facer unha breve referencia ao libro do que ela é coautora, foinos adentrando na figura de Eloy Maquieira Fernández, un arquitecto que cambiou a cidade de Lugo. Falounos da súa vida e das súas obras na cidade. Puidemos ver magníficas e sorprendentes fotos das obras que el fixo situadas no Parque de Rosalía de Castro, o sanatorio Pimentel, o IES Xoán Montes, a Praza de Abastos, o cemiterio e moitos edificios que hai en diferentes rúas de Lugo…os seus debuxos e planos. Descubriunos que o antigo colexio Menéndez Pelayo foi obra del!
Explicounos as características dos seus estilos, aprendemos moitas palabras novas e descubrimos moita información daquela época que lle tocou vivir. Tamén nos pediu que observásemos a nosa cidade, que a coidásemos e a valorásemos.
Didáctica, diferente e extraordinaria mañá, Ángeles! Aprendemos moitas cousas contigo. Volve cando queiras, es da casa! Moitas grazas.












