27.9.25

Adquisicións para as mochilas viaxeiras

Este ano as nosas mochilas viaxeiras veñen con novidades. Ademais dos libros e outros recursos habituais, incorporamos unha selección de xogos de mesa pensados para compartir en familia.

Xogos adaptados a diferentes idades e intereses, que ofrecen unha magnífica oportunidade para gozar de momentos de lecer en familia e aprender divertíndose.

Agora só queda abrir a mochila, sentarse xuntos e comezar a xogar!



Sen respecto non hai xogo

 O pasado venres, día 26, o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria asistiu no Auditorio Fuxan os Ventos á primeira edición de “Sen respecto non hai xogo”, unha gala organizada por Radio Lugo-Cadena SER en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo e Velgasa Eroski.

Esta iniciativa tivo como obxectivo promover valores fundamentais como a igualdade, o respecto e a tolerancia a través do deporte. Ao longo da mañá participamos en diferentes actividades lúdicas e educativas que nos permitiron reflexionar sobre a inclusión, a diversidade, a convivencia e o xogo limpo.

Foi unha experiencia moi enriquecedora na que aprendemos fóra das aulas e compartimos momentos con alumnado doutros centros, profesionais da psicoloxía, árbitros e árbitras, alumnado mediador, contacontos, representantes de institucións públicas e asociacións vinculadas á atención á diversidade.

Unha mañá de aprendizaxe, participación e convivencia que nos deixou valiosas reflexións sobre a importancia do respecto dentro e fóra do deporte.

Moitas grazas ás persoas e entidades organizadoras por facernos partícipes desta iniciativa!




18.9.25

Circuitos eléctricos no espazo creativo

O alumnado de 4º curso converteuse hoxe en protagonista dunha divertida experiencia de experimentación. A través dunha placa Makey Makey e unha peza de froita, descubriron como é posible transformar obxectos comúns en ferramentas interactivas.

Durante a sesión achegáronse ao funcionamento de Scratch e coñeceron as posibilidades que ofrece a placa Makey Makey. Despois puxeron en práctica o aprendido construíndo un sinxelo circuíto eléctrico.

Ademais, aprenderon un concepto fundamental: para que a corrente eléctrica circule é necesario que exista un circuíto pechado. Para comprobalo, participaron nunha divertida actividade grupal na que tiveron que collerse das mans e formar unha cadea humana. Só cando o circuíto estaba completo o plátano "falaba", demostrando de forma práctica como funciona a electricidade.

Unha xornada moi divertida e práctica da man da nosa compañeira Sonia!




O novo espazo da nosa biblio xa está rematado!

Comezamos o curso estreando un novo espazo bibliotecario. Tras un intenso verán de expurgo, reorganización dos fondos, retirada de mobiliario e diversas melloras nas instalacións —entre elas a renovación do chan e a pintura—, a biblioteca preséntase cunha imaxe renovada e máis acolledora.



 
Como elemento central deste novo espazo destaca o mural realizado por Yoe33, de Concepto Circo, ao que lle propuxemos que plasmase a súa visión dunha biblioteca actual: un lugar vivo, creativo, inclusivo e aberto a múltiples formas de aprender e compartir.



A nova biblioteca nace coa vocación de ser un espazo tranquilo e seguro, un lugar de acubillo para aquel alumnado que precisa dun ambiente sereno durante os seus momentos de lecer. Pero será tamén un espazo para a aprendizaxe, onde realizar tarefas, acceder a internet, participar en obradoiros e desenvolver proxectos de todo tipo.

Agora só queda o máis importante: enchela de vida coa presenza do alumnado. Estamos desexando estreala xuntos e comezar unha nova etapa chea de lecturas, descubrimentos e experiencias compartidas.



17.9.25

Arrancamos novo curso!

Acendemos o lume da nosa lareira como símbolo de acollida e apertura do centro a toda a Comunidade Educativa. Un espazo de benvida e de encontro, preparado para a transmisión e a oralidade e no que contamos con todos vós. O lume ilumina e dá calor ás historias, conta e transmite a memoria, as nosas tradicións, a nosa artesanía... Tecendo redes, creando comunidade!




RUTA LITERARIA CON LOIS PÉREZ

O mércores 27 de maio , o alumnado de 5º e 6º de E. Primaria realizou unha ruta literaria pola vila de Ribadeo con Lois Pérez, autor da ...