O mércores 27 de maio, o alumnado de 5º e 6º de E. Primaria realizou unha ruta literaria pola vila de Ribadeo con Lois Pérez, autor da novela "A gruta da torre" de Ed. Xerais, ilustrada por Rosalía Díaz e galardoada co V premio Agustín Fernández Paz de Literatura Infantil e Xuvenil. Este libro foi lido e traballado previamente nas clases.
Un día solleiro e abrasador agardaba por nós. Comezamos no miradoiro, dende alí fomos á illa Pancha. Lois contounos como e cando naceu a novela, unha historia da infancia para contarlla ao seu fillo Lois durante o confinamento. Despois dirixímonos ao Cargadoiro, ao peirao, a Cabanela, á Parede do Galo, ao Mirador da Atalaia, á rúa da Trindade, á Torre dos Moreno e ao parque. Rematamos a carón do salgueiro que servía de agocho á cuadrilla de rapazas e rapaces.
Falamos, preguntamos, imaxinamos, aportamos ideas, rimos…No Cargadoiro coñecemos a Adela, unha das personaxes do libro. Na rúa da Trindade soubemos onde viviron moitas das personaxes e vimos á Marina. Descubrimos que Quirina era Quirino na realidade. Non faltou a foca Cuquita nas nosas conversas. Na compaña de Lois e coas súas palabras mergullámonos na trama como se fosemos da cuadrilla, sentindo e vivindo as aventuras por Ribadeo.
Para ti, Lois, inmensa gratitude por facernos viaxar no tempo e conseguir que nos sentísemos parte daquelas tardes de verán nas que atopar tesouros e fuxir de contrabandistas non eran simplemente as páxinas dun libro.



















