26.3.25

Branca Villares visita a nosa biblioteca

O martes día 25 de marzo o alumnado de 1º ciclo gozou moito coa visita de Branca Villares, cantareira, pandeireteira e música de tradición oral.

Foi unha actividade de autocoñecemento sonoro. Co noso propio corpo fixemos moitas cousas, efectos sonoros, xogamos coa música, bailamos en parellas, en roda…e todo combinado con fermosas cantigas. Unha actividade vivencial e lúdica, experimental e divertida que nos permitiu traballar xuntas, tomar conciencia dos nosos corpos e do dos demais e tamén do espazo. 

Foi unha xornada de convivencia. A través da temática dunha cantiga afondamos no sentimento de axuda mutua e con ela coñecemos un instrumento de vento indio, o shruti.

Branca tamén nos dixo que cantemos as cancións que ela nos transmitiu, que agora son nosas!

 

Moitas grazas, Branca!

Gustounos moito estar contigo, esperamos verte noutra.

 

20.3.25

Inverno tradicional: contada con Celso Fernández Sanmartín

O mércores, día 19, o alumnado de 2º ciclo de Primaria gozou dunha sesión de contacontos a cargo de Celso Fernández Sanmartín, especialista na narrativa oral e na recolleita de contos e historias de vida de tradición oral; tema moi acaído no noso proxecto de centro. Esta actividade foi promovida e sufragada pola Secretaría Xeral da Lingua.

Celso deleitounos con historias de feiras, camiños, lareiras, trabalinguas, cancións… relatadas con toda a riqueza oral da nosa lingua e das que participamos activamente. Foi unha xornada moi divertida e enriquecedora. 

Moitas grazas, Celso! Foi un auténtico pracer.

 

18.3.25

Faladoiro con Marisol Bravos López

martes, día 11, tivemos a honra de contar con Marisol Bravos López, mestra retirada neste centro. Ela foi presentada con moita ilusión por tres nenas de 6º de Primaria, Ángela, Alejandra e Lara.

Marisol ofreceunos dúas charlas moi amenas e interesantes, unha dirixida ao alumnado de 3º ciclo e a outra a familias e profesorado. Na súa exposición fixo un percorrido por distintas etapas da súa vida poñendo de manifesto varios aspectos: o seu espírito de loita e superación ante todos os obstáculos atopados, a axuda aos demais, o valor da familia, o papel da escola/da Educación, a discriminación de xénero máis acentuada no caso de ser nena/muller con diversidade funcional, as desigualdades sociais, a eliminación de barreiras arquitectónicas…Falounos da diferenza entre igualdade e equidade, integración e inclusión, do termo persoa con diversidade funcional.

Toda unha lección de vida, para reflexionar como persoas, para mellorar nas relacións humanas e na convivencia social.

Queremos transmitirche o noso agradecemento, admiración e afecto, Marisol.

Volve cando queiras, aquí tes o teu colexio!

3.3.25

Tradientroido 2025: Os feirantes do Menéndez

 Chegou o Entroido! Con el imos despendindo o inverno para dar comezo a un novo ciclo do ano, a primavera.

No colexio non foi calquera cousa. Foi memoria, terra, tradición e comunidade. Houbo feira, unha feira moi concorrida. Preparámonos moito, investigamos, buscamos nas memorias vivas das nosas familias, en libros, fotografías, visitas ao centro de avoas e avós e de artesáns que nos explicaron de primeira man o oficio e os valores da artesanía.

A primeiras horas da mañá, cando mellor se feirea, as e os feirantes vestidos para a ocasión fixeron unha visita-paseo pola feira. Trataron, venderon, compraron, trocaron, negociaron, fiaron…co que aprendemos, fixemos feira.

  • Produtos do mar, o mellor peixe e marisco das nosas rías no posto de E. Infantil.

  • Gando, coidado e alimentado cos nosos agarimos no posto de 1º.

  • Para os nosos pés, auténticas zocas e para a nosa saúde pan elaborado con fariñas do país no posto de 2º.

  • A nosa música, os mellores instrumentos, únicos, creados a man. Literatura de cordel e o romance de Xan Bandullo Mantido no posto de 3º.

  • A natureza, as plantas medicinais. O ferro, ferreiros cultivados e rexos. As costureiras coas súas puntadas atinadas nas teas e no falar. Todo no posto de 4º.

  • Feirantes cos seus mellores produtos da terra ou elaborados co leite das nosas vacas, xunto coa Taberna do Pelayo para aliviar a sede e enganar a fame, botar un conto ou unha partida no posto de 5º.

  • Xastres e xastras co seu método revolucionario, ben facer e profesionalidade na Xastrería do Menéndez. Labregas e labregos con pitas, coellos, ovos…animais e outros produtos da terra cos que soster a alimentación nas casas no posto de 6º.

  • Contamos na feira coa presenza do alcalde pedáneo e a súa dona, o mestre e as mestras, médicas e médicos, boticarias, a Benemérita, curas e o director do Banco.Tamén uns indianos que volveron ricos de América, ademais doutras e doutros feirantes.

Ao mediodía deu comezo a festa de Entroido. Trouleamos, cantamos, bailamos…

  • Pregón a cargo do Excmo. Sr. Alcalde Pedáneo do Menéndez Pelayo

  • Cancións E. Infantil: desfile coa canción “Peixiños do mar” de Magín Blanco e interpretación de “Catro vellos mariñeiros” de Uxía Lambona e a Banda Molona

  • Cantar de cegas 3º: romance de Xan Bandullo Mantido

  • Coplas de Entroido en 4º sobre os oficios traballados

  • Cancións de Entroido de creación propia en 5º

  • Regueifas de diferentes temáticas en 6º

  • Foliada de Entroido grupo de nenas e nais do colexio

E ao berro de “Viva o Entroido!” rematamos a xornada con moita ledicia no corpo e infindo agradecemento a toda a comunidade e persoas que colaboraron con nós.

 

Xogos na biblioteca


 

1.3.25

Labores de antano: os ferreiros

O pasado mércores 26 de febreiro o alumnado de 4º tivo o pracer de recibir na nosa Lareira a Manolo e a súa dona Teresa para explicarnos como é o duro labor nunha forxa. No marco do Entroido tradicional do centro e dos Contos arredor do lar, transmitíronnos con paixón 60 anos de experiencia el e os 44 de Teresa ao seu carón, apoio indispensable para sacar adiante a produción dun oficio que se ten por masculinizado. Dende coitelos, fouces, ferraduras, cravos e un longo etc. de ferramentas e útiles, o traballo na forxa non é só co ferro ou co aceiro, senón tamén coas distintas madeiras que hai que tornear e adecentar como parte fundamental do proceso, pero sobre todo dunha boa templa e afiado na moa que marca a diferenza no corte e durabilidade dos utensilios. Neste senso, a artesanía do ferro está en declive e sen relevo xeneracional, son cada vez menos as persoas que deciden permanecer nun oficio tan duro e preciso, sendo os Ferreiros de Riotorto un dos últimos bastións dunha arte milenaria.

O alumnado e profesorado gozamos moitísimo coa vosa visita e estamos inmensamente agradecidos pola vosa xenerosidade.

Grazas, Manolo e Teresa, esperamos volver a vernos!

Podedes ver os seus produtos na web MAF Artesanía. 

 

 

RUTA LITERARIA CON LOIS PÉREZ

O mércores 27 de maio , o alumnado de 5º e 6º de E. Primaria realizou unha ruta literaria pola vila de Ribadeo con Lois Pérez, autor da ...