Labores de antano: os ferreiros

O pasado mércores 26 de febreiro o alumnado de 4º tivo o pracer de recibir na nosa Lareira a Manolo e a súa dona Teresa para explicarnos como é o duro labor nunha forxa. No marco do Entroido tradicional do centro e dos Contos arredor do lar, transmitíronnos con paixón 60 anos de experiencia el e os 44 de Teresa ao seu carón, apoio indispensable para sacar adiante a produción dun oficio que se ten por masculinizado. Dende coitelos, fouces, ferraduras, cravos e un longo etc. de ferramentas e útiles, o traballo na forxa non é só co ferro ou co aceiro, senón tamén coas distintas madeiras que hai que tornear e adecentar como parte fundamental do proceso, pero sobre todo dunha boa templa e afiado na moa que marca a diferenza no corte e durabilidade dos utensilios. Neste senso, a artesanía do ferro está en declive e sen relevo xeneracional, son cada vez menos as persoas que deciden permanecer nun oficio tan duro e preciso, sendo os Ferreiros de Riotorto un dos últimos bastións dunha arte milenaria.

O alumnado e profesorado gozamos moitísimo coa vosa visita e estamos inmensamente agradecidos pola vosa xenerosidade.

Grazas, Manolo e Teresa, esperamos volver a vernos!

Podedes ver os seus produtos na web MAF Artesanía. 

 

 

Comentarios

Publicacións populares