Tradientroido 2025: Os feirantes do Menéndez
Chegou o Entroido! Con el imos despendindo o inverno para dar comezo a un novo ciclo do ano, a primavera.
No colexio non foi calquera cousa. Foi memoria, terra, tradición e comunidade. Houbo feira, unha feira moi concorrida. Preparámonos moito, investigamos, buscamos nas memorias vivas das nosas familias, en libros, fotografías, visitas ao centro de avoas e avós e de artesáns que nos explicaron de primeira man o oficio e os valores da artesanía.
A primeiras horas da mañá, cando mellor se feirea, as e os feirantes vestidos para a ocasión fixeron unha visita-paseo pola feira. Trataron, venderon, compraron, trocaron, negociaron, fiaron…co que aprendemos, fixemos feira.
Produtos do mar, o mellor peixe e marisco das nosas rías no posto de E. Infantil.
Gando, coidado e alimentado cos nosos agarimos no posto de 1º.
Para os nosos pés, auténticas zocas e para a nosa saúde pan elaborado con fariñas do país no posto de 2º.
A nosa música, os mellores instrumentos, únicos, creados a man. Literatura de cordel e o romance de Xan Bandullo Mantido no posto de 3º.
A natureza, as plantas medicinais. O ferro, ferreiros cultivados e rexos. As costureiras coas súas puntadas atinadas nas teas e no falar. Todo no posto de 4º.
Feirantes cos seus mellores produtos da terra ou elaborados co leite das nosas vacas, xunto coa Taberna do Pelayo para aliviar a sede e enganar a fame, botar un conto ou unha partida no posto de 5º.
Xastres e xastras co seu método revolucionario, ben facer e profesionalidade na Xastrería do Menéndez. Labregas e labregos con pitas, coellos, ovos…animais e outros produtos da terra cos que soster a alimentación nas casas no posto de 6º.
Contamos na feira coa presenza do alcalde pedáneo e a súa dona, o mestre e as mestras, médicas e médicos, boticarias, a Benemérita, curas e o director do Banco.Tamén uns indianos que volveron ricos de América, ademais doutras e doutros feirantes.
Ao mediodía deu comezo a festa de Entroido. Trouleamos, cantamos, bailamos…
Pregón a cargo do Excmo. Sr. Alcalde Pedáneo do Menéndez Pelayo
Cancións E. Infantil: desfile coa canción “Peixiños do mar” de Magín Blanco e interpretación de “Catro vellos mariñeiros” de Uxía Lambona e a Banda Molona
Cantar de cegas 3º: romance de Xan Bandullo Mantido
Coplas de Entroido en 4º sobre os oficios traballados
Cancións de Entroido de creación propia en 5º
Regueifas de diferentes temáticas en 6º
Foliada de Entroido grupo de nenas e nais do colexio
E ao berro de “Viva o Entroido!” rematamos a xornada con moita ledicia no corpo e infindo agradecemento a toda a comunidade e persoas que colaboraron con nós.


Comentarios
Publicar un comentario