Faladoiro con Marisol Bravos López
O martes, día 11, tivemos a honra de contar con Marisol Bravos López, mestra retirada neste centro. Ela foi presentada con moita ilusión por tres nenas de 6º de Primaria, Ángela, Alejandra e Lara.
Marisol ofreceunos dúas charlas moi amenas e interesantes, unha dirixida ao alumnado de 3º ciclo e a outra a familias e profesorado. Na súa exposición fixo un percorrido por distintas etapas da súa vida poñendo de manifesto varios aspectos: o seu espírito de loita e superación ante todos os obstáculos atopados, a axuda aos demais, o valor da familia, o papel da escola/da Educación, a discriminación de xénero máis acentuada no caso de ser nena/muller con diversidade funcional, as desigualdades sociais, a eliminación de barreiras arquitectónicas…Falounos da diferenza entre igualdade e equidade, integración e inclusión, do termo persoa con diversidade funcional.
Toda unha lección de vida, para reflexionar como persoas, para mellorar nas relacións humanas e na convivencia social.
Queremos transmitirche o noso agradecemento, admiración e afecto, Marisol.
Volve cando queiras, aquí tes o teu colexio!

Comentarios
Publicar un comentario