Letras Galegas 2025

 Os días 15 e 16 celebramos as Letras Galegas no colexio con dúas foliadas, unha tradicional e outra moderna.

As foliadas, de gran carácter participativo e comunitario, permitíronnos achegar e transmitir ao alumnado a nosa cultura a través da música, do baile, do canto, da práctica e creación musical, abrindo e compartindo espazos para así facernos sentir e ser membros da comunidade e, por conseguinte, da sociedade na que estamos.

Nelas enaltecemos ás cantareiras homenaxeadas e á música de tradición oral, e tamén a todas as mulleres que mantiveron e manteñen vivo o lume da nosa tradición e da nosa lingua.

día 15 recibimos no centro ao grupo folk Devandaina do CIFP Politécnico de Lugo composto por alumnado e profesorado do centro. Ofrecéronnos xotas, muiñeiras, pasodobre, valses, rumba,...e a Danza de Agranzón de Eva Castiñeira unha das cantareiras homenaxeadas. Con elas e eles tamén tocaron as nosas pandeireteiras. Bailamos en roda, en parella, cantamos...gozamos moito!

día 16 tocounos a nós protagonizar e transmitir as nosas creacións musicais. Un magnífico programa, dirixido polas cantareiras de 6º, fixo da nosa foliada un gran encontro, dinámico e creativo. Presentamos, intepretamos, cantamos, bailamos,,,a bandas e artistas galegas referentes que se alimentan da tradición, gardando e transmitindo este legado. Tamén no noso repertorio figurou a Danza de Agranzón de Eva Castiñeira interpretada polas cantareiras, foi neste momento cando soou o aturuxo de Alba en sinal de inmensa alegría. Os actos remataron cantando o Himno Galego.

Continuemos preservando esta herdanza transmitíndoa ás nosas nenas e nenos!

Agradecemos moito a colaboración do grupo Devandaina, un encontro para repetir.

Comentarios

Publicacións populares