O mércores, día 4, tivemos o privilexio de contar no centro con Xabier Díaz, músico galego de ampla traxectoria artística e investigador da música tradicional galega.
Foi unha xornada musical e didáctica de excepción para o alumnado de 2º e 3º ciclos de E. Primaria. Contounos como foron os seus inicios na música e como se decantou por ela. Como desde moi novo visitou numerosas aldeas facendo recollidas de coplas, sobre todo a mulleres pandeireteiras, reivindicando o valor do papel das mulleres como conservadoras e transmisoras.Tróuxonos ferreñas, pandeiretas, pandeiras, un pandeiro cadrado, un adufe e cunchas para que viramos os materias dos que están feitos, as súas partes, o son, como se tocan… Falounos da orixe destes instrumentos e da súa fabricación, tamén da relación da música galega coa árabe. Nós escoitamos con moita atención, tocamos, cantamos, aturuxamos, bailamos e vibramos de emoción.
O acto estivo presentado con toda mestría por Candela e Raquel de 6ºC que ademais cantaron e tocaron unha copla e bailaron coas súas compañeiras de 6º outra interpretada por Xabier.
Tamén se brindou a asinar todas as pandeiretas que chegaron ás súas mans, ademais de autógrafos e de doar varios exemplares da súa discografía.
Foi unha mañá ben enriquecedora que deixou, con certeza, a súa semente en todas e todos. Agradecémoslle a súa xenerosidade e compromiso.

Ningún comentario:
Publicar un comentario